O PSdeG di que o país "avanza" porque os socialistas "protexen as clases traballadoras e as familias máis vulnerables"

O PSdeG celebrou este sábado Comités Provinciais en Pontevedra, Ourense e Lugo co obxectivo de "prepararse" de face ás próximas eleccións municipais

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2023 | Actualizada ás 20:57

Comparte esta noticia

O PSdeG celebrou este sábado Comités Provinciais en Pontevedra, Ourense e Lugo co obxectivo de "prepararse" de face ás próximas eleccións municipais. En Lugo, o Secretario Xeral do partido na provincia, José Tomé Roca, remarcou que "as políticas socialistas son a única arma de esperanza para unha gran maioría social que tamén ten dereito a unha vida digna e a poder avanzar en igualdade, dereitos e oportunidades".

O líder socialista sinalou na súa intervención diante dos militantes que no seu "ADN político están a liberdade e a igualdade e tamén o benestar de todas e de todos, especialmente daqueles que máis necesitan da política e da democracia para vivir dignamente". "Temos, pola contra, unha dereita españolista e excluínte,a dereita do PP de Feijóo que nin está nin se lle espera", lamentou.

En clave municipal, sinalou que hai que "saír con forza renovada, iniciando un tempo de traballo continuado ata o 28 de maio, onde teremos que afrontar o desafío de reforzar o noso liderado municipal e consolidar a confianza maioritaria dos veciños".

"Partimos dunha situación orgánica institucional que nos sitúa como primeira forza política da provincia, gobernamos o maior número de cidadáns, un gran número de concellos, as principais vilas e centros comarcais, a capital e a propia Deputación Provincial", sinalou.

Roca aproveitou para marcar os obxectivos de face ás próximas eleccións municipais. "Temos un gran partido, temos xestión máis que suficiente e temos uns obxectivos electorais claros que alcanzar nas eleccións de maio. Queremos presentar candidatura socialista nos 67 concellos da provincia, alcanzar representación municipal en todos os concellos, manter e reforzar as alcaldías actuais, sumar novas alcaldías e por ultimo, asegurar a continuidade dun Goberno de esquerdas e presidido por socialistas na institución provincial".

O Secretario Xeral argumentou que "este país avanza porque os socialistas "traballan na protección das clases traballadoras e das familias máis vulnerables con medidas económicas e sociais que inciden directamente na mellora da súa vida".

E citou a modo de exemplo a gratuidade no transporte ferroviario de proximidade, as rebaixas no transporte público (ata un 50%), losdescuentos nos prezos dos combustibles, a redución no IVE eléctrico, o bono social eléctrico e térmico, a redución no IVE de alimentos básicos, a bonificación de combustible ao transporte, agricultura e pesca, o aumento das bolsas e axudas directas as rendas baixas, o aumento do Ingreso Mínimo Vital (15%), a revalorización das pensións (8*5%), ou a paga solidaria (200?) para familias.

PROVINCIA DE OURENSE

O PSdeG-PSOE de Ourense tamén celebrou a súa Comisión Executiva Provincial, esta vez no concello de Ramirás. Na mesma aprobouse a constitución do comité electoral provincial e confeccionouse o calendario de face as eleccións municipais do próximo mes de maio.

"Proseguimos co noso percorrido pola provincia para que todos os nosos integrantes da comisión coñezan a realidade de cada concello e tamén con vistas as próximas eleccións municipais de 28 de maio", explican. Tamén pon o foco en que o obxectivo marcado é "presentar os mellores candidatos e candidatas en toda a provincia para alcanzar uns moi bos resultados a nivel provincial".

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, destaca que coa elección do comité electoral, xa se conseguiu "a integración de todas as forzas que van confluír para crear un proxecto para esta provincia, un proxecto que coñeza toda a cidadanía e a veciñanza da provincia". O líder dos socialistas ourensáns sinala que o obxectivo que se marca o partido "é aumentar o número de deputados e deputado provinciais, para que desta vez sexa realidade o cambio na provincia".

Villarino tamén subliñou que "nas anteriores eleccións municipais o PSOE conseguiu os mellores resultados da súa historia, pero logo non foi posible o cambio na Deputación, xa que levou a cabo un pacto antinatura, motivado para manter a mesma presidencia na Deputación Provincial de Ourense".

PROVINCIA DE PONTEVEDRA

Por último, o PSdeG-PSOE escolleu Cangas para celebrar o Comité Provincial de Pontevedra. O secretario xeral David Regades no seu discurso de apertura defendeu o "músculo dun partido que xa é primeira forza na provincia de Pontevedra e que en 2019 ganóno só as Eleccións Municipais, senón as dúas convocatorias das Eleccións Xerais".

David Regades asegurou que 2023 vai ser un ano de "dobre decepción" para o PP en Pontevedra porque "van perder as Municipais e, a finais de ano, as Xerais". "O PP e Rueda están preocupados e teñen motivos para estalo, porque o Partido Socialista é unha forza gañadora en Pontevedra e sábeno", sinalou.

O secretario xeral provincial tamén puxo en valor ás mulleres que encabezan moitas das 61 candidaturas que o PSdeG-PSOE vai presentar nesta cita electoral, e tivo tamén palabras para a xestión de Carmela Silva á fronte da Deputación como "un exemplo de transparencia e eficacia, chegando a todos e cada un dos recunchos que a Xunta esquece, e gobernando para todos".

Doutra banda, Regades mostrou a súa preocupación polo estado actual da Sanidade Pública e acusou á Xunta de "deteriorala ata un punto de non retorno". "Non é que non haxa médicos ou capital humano, o que non hai é vergoña", recalcou antes de lembrar que a Xunta deixou sen cubrir 180 prazas de MIR de Médico de Familia durante estes 14 anos de gobernos populares "e son 180 médicos menos nos centros de saúde, que unidos aos que se deixaron de substituír cando se xubilaron por culpa da taxa de reposición de Montoro, explican boa parte da caótica situación actual".

O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomei.
O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomei.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta