O PSdeG pide á valedora do Pobo que "aperciba" a Jácome por elixir a un condenado por abusos como rei Baltasar

Demandan a "intervención urxente" da institución ante "a gravidade" do caso "desde o punto de vista ético, moral e legal".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2023 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

O PSdeG levou ante a valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño, o caso da contratación dun home condenado en dúas ocasións por abusos sexuais para facer de rei Baltasar na Cabalgata de Ourense, un asunto polo que piden que o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, sexa "apercibido".

Este martes, a secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, e a portavoz dos socialistas no Concello de Ourense, Natalia González, presentaron na sede do alto comisionado do Parlamento de Galicia, en Santiago, unha queixa na que demandan a "intervención urxente" da institución ante "a gravidade" do caso "desde o punto de vista ético, moral e legal".

"Esperamos que se faga un apercibimento ao alcalde, porque vemos que se nega a rectificar e non queremos que isto volva pasar", aseverou Fraga en declaracións aos medios á porta da sede do Valedor.

Os socialistas aseguran que existen documentos gráficos que proban que Jácome e o home que fixo de rei Baltasar na Cabalgata "compartiran" momentos e que os antecedentes desta persoa son "coñecidos" na cidade, onde cometeu dous abusos sexuais contra mulleres en 2019 e 2022 polos que foi condenado.

"Independentemente de se se coñecían ou non, o alcalde ten o deber legal de solicitar a certificación negativa do Rexistro Central de delincuente sexuais ás persoas participantes nun evento principalmente dirixido a menores de idade", aseveraron as responsables do Partido Socialista.

XUSTIFICACIÓN DO CONCELLO

O PSdeG tamén aproveitou para rebater a xustificación esgrimida polo goberno local ourensán, que defende que non era obrigatorio pedir un certificado de ausencia de antecedentes para o contrato da cabalgata porque non se trata dunha actividade que implique un contacto "habitual" con menores senón que se trataba de algo esporádico.

Os socialistas incidiron en que o apartado 2 do artigo 57 da Lei de protección á infancia recolle que a esixencia deste certificado aplícase en "todas aquelas (actividades) que teñan como destinatarios principais a persoas menores de idade".

Así, consideran que o concello "incumpriu" esta normativa e, por tanto, fixo que "centos de nenos e nenas" de Ourense achegáronse " a un delincuente sexual", o que cualifican de "un feito sen parangón" que denota "o desprezo do alcalde cara á infancia e a cidadanía en xeral".

A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, e a portavoz dos socialistas no Concello de Ourense, Natalia González, presentan unha queixa no Valedor do Pobo pola polémica Cabalgata de Reyes en Ourense. PSDEG
A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, e a portavoz dos socialistas no Concello de Ourense, Natalia González, presentan unha queixa no Valedor do Pobo pola polémica Cabalgata de Reyes en Ourense. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta