O PP acusa ao Concello de Santiago de facer "un espectáculo lamentable" sobre o aluguer dunha nave

Denunciou "falta de transparencia" logo de que fose adiada a comparecencia da edil Mila Castro

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2023 | Actualizada ás 16:06

Comparte esta noticia

O Partido Popular de Santiago acusou este mércores de "falta de transparencia" ao goberno municipal despois de que a comparecencia da edil Mila Castro en relación ao aluguer dunha nave industrial á empresa Desproi fose "aprazada" ata o pleno de febreiro.

Os populares pediran a comparecencia no pleno deste mes, que se celebra este xoves, da concelleira "responsable do contrato de aluguer do inmoble" para "dar explicacións" en relación a "por que propuxo unicamente" esta nave, vinculada ao edil José Manuel Pichel, para albergar o servizo municipal de Parques e Xardíns e se "llo indicou alguén". Nunha nota de prensa, os populares sinalaron que o rexedor tomou " a decisión de non admitir" esta solicitude de comparecencia e aprazala ata febreiro.

Por iso, para o PP "queda patente que o alcalde faltou á verdade cando se comprometeu a dar todas as explicacións posibles neste Pleno e agora, ás costas dos veciños, négase a que esta concelleira explique ante toda a cidadanía o que aconteceu con este contrato".

O portavoz popular, José Antonio Constenla, acusou ao alcalde de Santiago de ser "responsable dun espectáculo lamentable". "O único que se demostrou ata agora é que un Goberno de Bugallo aluga unha nave que é propiedade dun dos seus concelleiros a dedo, sen concurso público a pesar da advertencia da Interveción Municipal", afirmou Constenla.

Para finalizar, os populares aseguraron que o goberno local négalles " o acceso aos expedientes do aluguer" da nave. En concreto, Constenla dixo que solicitou distinta documentación, entre ela o informe do secretario do Concello sobre a documentación entregada por José Manuel Pichel, e o expediente de contratación da nave alugada, sen ter polo momento noticias respecto diso.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa.. CONCELLO DE SANTIAGO
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa.. CONCELLO DE SANTIAGO

UNHA POLÉMICA QUE CHEGA AO PLENO

A dimisión do edil compostelán José Manuel Pichel polo caso do aluguer dunha nave industrial en Costa Vella vinculada con el e que está destinada ao servizo de Parques e Xardíns, chegará este xoves ao pleno ordinario de Santiago de Compostela.

Así, este primeiro pleno desde que a pasada semana saltase a polémica abordará a propia toma en coñecemento da renuncia de Pichel ao cargo de concelleiro, unha decisión que anunciou, e presentou, o pasado mércores, un día despois de que Compostela Aberta fixese público que o concello mantén alugada unha nave á empresa Desproi, participada á súa vez por outra vinculada co propio edil.

Nesta mesma sesión, segundo consta na orde do día, darase conta da resolución da alcaldía para a delegación de funcións unha vez tomada en consideración a renuncia de José Manuel Pichel ao seu posto.

Ademais, figura na orde do día a solicitude do Partido Popular para a comparecencia do "concelleiro responsable do contrato de aluguer" deste inmoble, aínda que os populares aseguraron que, desde o goberno local trasladouse que a comparecencia será aprazada a febreiro.

Nas interpelacións, haberá unha do BNG sobre "a crise do goberno local" de Santiago, afectado por dúas dimisións de concelleiras en dous meses, e outra de Compostela Aberta sobre a contratación do local no punto de mira.

A OPOSICIÓN PIDE MÁIS EXPLICACIÓNS

O caso saltou ao comezo da semana pasada, cando o grupo municipal de Compostela Aberta denunciou que o concello alugara para o servizo de Parques e Xardíns unha nave industrial situada en Costa Vella e propiedade da empresa Desproi, vinculada ao edil José Manuel Pichel, que participou na xunta de goberno que deu luz verde a este aluguer.

Entre outras cuestións, o grupo denunciou que a adxudicación do aluguer, feita de forma directa, aprobouse por necesidades urxentes para un período de catro meses, mentres que xa levaba 16 activa.

O edil José Manuel Pichel, aínda que defendeu a legalidade desta decisión, anunciou dous días despois a súa renuncia ao cargo recoñecendo cometer un "erro" ao "non informar o alcalde nin á xunta de goberno" dos seus vínculos coa empresa propietaria deste baixo.

Con todo, os grupos da oposición non consideran o caso pechado coa renuncia do concelleiro e piden que se aclare en maior medida por que se optou por unha adxudicación directa, por que se elixiu este local ou o motivo polo que non se limitou ao catro meses iniciais, entre outras cuestións.

Pola súa banda, o PP local remitiu a documentación á Fiscalía Anticorrupción, xa que considera que este caso vai máis aló do aluguer e supón unha "trama organizada" para "desviar fondos" a empresas "amigas" do goberno local.

Desproi S.L, a empresa responsable da nave, é propiedade ao 63,69 por cento doutra firma, Ribaterra S.L., que pertence a UXT-Galicia, mentres que o resto das participacións son de Asuco Agrario S.L., que se fixo coas accións a finais de setembro do 2021.

José Manuel Pichel admitiu ao anunciar a súa dimisión que foi administrador único de Desproi ata 2016 e, a partir desa data, mantívose no accionariado a través doutra empresa da que foi administrador único ata a súa entrada no concello, Servizos Técnicos Gaia, participacións que non vendeu ata setembro de 2021 --cando xa se aprobou en xunta de goberno o aluguer da nave para instalar ao persoal do departamento de Parques e Xardíns--.

Os traballadores do departamento afectado estaban situadas en oficinas na antiga estación de autobús, que ía ser demolida, e o Concello tiña orde de desaloxo desde facía oito meses, pero non se alugou esta nave ata que xa era efectivo o desafiuzamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta