O prezo dos alimentos... senten os consumidores a baixa do IVE nas súas contas a fin de mes?

As medidas de contención sobre os prezos como retirar ou baixar o IVE en determinados produtos realmente funcionan? Tanto os sectores produtivos, sectores terciarios e os consumidores cuestionan a eficiencia real destas solucións aportadas polo Goberno central. O incremento de prezos dentro da cadea de distribución está facendo moi difícil poder encher a cesta da compra.

Por Moncho Mariño | Santiago | 27/01/2023 | Actualizada ás 22:01

Comparte esta noticia

A distribución de produtos fixo subir o prezo final de todos eles. Isto implicou un incremento dos prezos ligados á alimentación incluíndo os considerados de “primeira necesidade”. Os vectores que explican estes aumentos dos custos finais son os prezos da enerxía, o mantenemento de explotacións agrogandeiras, a imposibilidade da hostalaría de subir prezos ante a posibilidade de peche para os locais. Algo semellante ocorre co pequeno comercio que debe afrontar en moitas ocasións a carestía da mercadoría sen poder compensalo cunha suba de prezos necesaria.

Imaxe dun supermercado
Imaxe dun supermercado | Fonte: MIGUEL SAN CRISTOBAL - Arquivo

PRODUTORES

“Antes podían pagar entre 33 e 35 céntimos por litro, agora subiuse por encima dos 40-45 céntimos, mais a maioría dos beneficios lévaos a distribución” di Xulio Fernández, do SLG. “Os produtores de carne poden ver elevados lixeiramente os prezos que cobran por Kg, mais a grandes superficies aumentan o prezo final” polo mesmo motivo, a distribución. Non sucedería o mesmo con moitos produtores hortícolas pois os seus prezos non terían subido por seren vendedores directos.

“Houbo anos en que se traballou con prezos moi baixos e a perdas no leite”, sinala Óscar Pose de Unións Agrarias. “Durante os últimos meses si que houbo un incremento de prezos que repercute lixeiramente no produtor”. Os prezos de combustibles, enerxía e sobre todo alimentación do gando cos antigos prezos fixeron traballar a perdas aos gandeiros de leite.

A eliminación do IVE sobre o leite “fixo que o Estado deixase de recadar uns impostos que logo poderían usarse para axudar ao consumidor e á produción” sinala Fernández. Agora mesmo o produtor non cobra o 4% de IVE que declaraba xunto cos gastos. Cando era así, producíase un exceso de pagamento que se devolvía ao produtor logo da súa reclamación.

Unha muller sae dun supermercado cun carro da compra
Unha muller sae dun supermercado cun carro da compra | Fonte: Alberto Ortega - Europa Press

Con todo, os prezos actuais do leite, non compensan totalmente o gasto en produción, mais si hai unha suba de prezos que alivian en parte os prezos dos insumos. “O 70% do gasto nunha explotación de leite vai en alimentación gandeira, logo está o prezo do combustible que xa depende de se a maquinaria é túa o se a alugas” di Óscar Pose.

PEQUENO COMERCIO E HOSTALARÍA

Jesús Diéguez, presidente da asociación de pequenos comerciantes AGTAMAR, valora positivamente as medidas que permitan baixar custos ao pequeno comercio. Aínda así “a baixada do IVE ou a súa retirada temporal é beneficiosa segundo o tipo de comercio”. O que resalta Diéguez é que en moitas ocasións dentro do sector “a distribución encarece o produto e o comerciante dubida en trasladar ese encarecemento ao produto para compensar as subas”.

As medidas adoptadas polo Goberno non afectaron a todos por igual na hostalaría nun primeiro momento. “Até hai meses, os antigos contratos de enerxía permitiron a moitos seguir adiante, mais agora é difícil coa suba da subministración enerxética e dos produtos  que mercamos” di Lois Lopes, da Asociación Empresarial de Hostalaría. “No sector non se sentiu un impacto positivo, sobre todo porque o poder adquisitivo das persoas baixou”.

“Outro elemento é o cambio de hábitos de consumo, hoxe estase lexislando para as grandes distribuidoras de venda online, con dicir que temos pequenos comercios que pagan máis impostos que plataformas online” sinala Jesús Dieguez. “A todo isto hai que engadir un problema, perda de ilusión por parte do comerciante que moitas veces espera a xubilación mentres aguanta”. Para Diéguez parte da solución para o pequeño comercio está na adaptación tecnolóxica e non enfrontarse ás grandes superficies coas mesmas armas. “Debemos aproveitar as novas tecnoloxías como fan agora pequenos negocios que mesmo non teñen lugar físico e que van directamente a determinados nichos de mercado”.

“É necesario unha baixada de prezos na materia prima, por exemplo, houbo unha semana en que a carne de polo subiu dúas veces de prezo” apunta con certa ironía Lois Lopes. “A baixada debera aplicarse en materias primas como peixe, carne e fariñas”. Non obstante, a día de hoxe, Lopes lembra tamén que os créditos ICO aparecidos durante a pandemia agora toca pagalos e aquí xa se abre outra fronte para os hostaleiros.

E que sucede coa suba de prezos en produtos elaborados cunha alta porcentaxe de consumo? Un exemplo é Estrella Galicia que subiu un 9% o prezo dos seus produtos. “Detrás están os mesmos motivos, incrementos de custos de produción, distribución e enerxía” din fontes da hostalaría coruñesa. “O caso é que para compesar habería que poñer un prezo de 4€ por unha caña, mais non se pode porque ninguén pagaría esa cantidade”.

CONSUMIDORES

Desde a asociación de consumidores UCGAL, o seu voceiro, Miguel López, apunta que a rebaixa do IVE non axudará a frear os prezos nos alimentos. “Todo isto incide no prezo final que paga o consumidor que non ten moitas saídas para verse libre de pagar”. Para López as medidas que poden adoptar as persoas consumidoras están en facer uso das planificacións de compras, comparar prezos e deseñar platos que lle permitan evitar o desperdizo alimentario. “Cando sexa posible decantarse por produtos a granel e apoiar iniciativas de comercialización en canles curtas, minorando o número de intermediarios. A aposta polo produto local tamén pode ser unha boa medida en moitas ocasións”.

Sobre se hai algún alimento que non foi incluído nas rebaixas de IVE e que debera estar, Miguel López sinala que “sen dúbida o peixe, un produto esencial para o mantemento dunha dieta sana e equilibrada, base da nosa dieta atlántica, e cuxo consumo está a diminuir entre outros motivos polo aumento de prezo”

Por último, preguntado sobre as posibles consecuencias que poida ter esta política de baixada de IVE sobre o Goberno e o clima político actual, López apunta que en sentido negativo “penso que non, xa que logo o financiamento desas medidas está baseado no importante aumento da recadación experimentado nos últimos meses e no aumento do endebedamento como país, algo que maioritariamente non se percibe pola cidadanía”

En sentido negativo penso que non xa que logo o financiamento desas medidas está baseado no importante aumento da recadación experimentado nos últimos meses e no aumento do endebedamento como país, algo que maioritariamente non se percibe pola cidadanía, máis proclive a valorar as medidas que melloren a súa situación económica no curto prazo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Por máis voltas que lle deas o peixe grande sempre comeu ao pequeno ! GADIS abriu o ano pasado 2022 dazanove tendas novas (se non gañara cartos non abriría 19 novos locais) / Parece que é sobradamente certo que os Grandes Distribuidores (Mercadona ~ Gadis ~ Froiz ~ Eroski ~ Alcampo) poden subir e subir prezos mesmo céntimos e seguir vendendo ! Pero cando un comerciante pequeno (Froitas) vende un manoxo de grelos a 3,65 € a cousa cambia de cor... e o cliente deixa de mercar nesa froitería porque pensa con razón que o están estafando ! Así os Grandes seguen gañando cartos a mans cheas, pero os pequenos (panadarías, froitas, bares, etc.) van botando o peche día sí e día tamén... ¿Que deberamos facer os consumidores? "Non Comer ou Comer Merda"