A Xunta require información ao Concello de Boiro sobre as queixas de usuarias do CIM para "saber ben que pasou"

Un grupo de mulleres vítimas de violencia machista denunciaron "malos tratos institucionais" do Concello, que dirixe o socialista José Ramón Romero, por retirarlles servizos dos que eran beneficiarias mediante este centro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2023 | Actualizada ás 12:24

Comparte esta noticia

A Xunta requirirá de forma oficial ao Concello de Boiro unha explicación ás queixas presentadas por un grupo de usuarias do Centro de Información á Muller (CIM) co obxectivo de "saber ben que pasou" e colaborar para "normalizar" a situación neste centro.

Así o explicou, a preguntas dos medios, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, que quixo remarcar que a situación vivida en Boiro é "absolutamente excepcional" e defendeu o labor das profesionais dos CIM, que se desenvolve "con profesionalidade, con eficacia e con empatía".

En canto ao caso de Boiro, Lorenzana explicou que a consellería traballa para "coñecer de primeira man" que sucedeu, para o que requiriron ao concello que facilite a información referida ao contido das queixas. De forma paralela, procurouse que as mulleres afectadas conten con todos os recursos necesarios.

"Tentamos ter coñecemento dos feitos con tranquilidade para, se algunha cuestión débese corrixir, que a Xunta poña da súa man para normalizar esta situación", explicou Lorenzana.

O sábado deuse a coñecer que a Xunta ten o foco posto na situación do Centro de Información á Muller (CIM) de Boiro, despois de que un grupo de mulleres vítimas de violencia machista denunciasen "malos tratos institucionais" do Concello, que dirixe o socialista José Ramón Romero, por retirarlles servizos dos que eran beneficiarias mediante este centro.

Este grupo de mulleres tamén denunciaron o trato recibido por mor das queixas que, entre outras cuestións, expuxeron por, segundo trasladaron, quedarse, por exemplo, sen os servizos da técnica de Igualdade e da psicóloga infantil (moitas delas teñen fillos), o que supuxo unha interrupción das súas terapias.

Fontes da Xunta consultadas por Europa Press trasladaron que tiveron coñecemento das queixas o 5 de xaneiro por unha carta enviada ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e que foi trasladada á Secretaría Xeral de Igualdade, que dirixe Susana López Abella. Nas últimas tres semanas, López Abella reuniuse presencialmente dúas veces co grupo de mulleres que denunciaron a situación e está en contacto telefónico permanente con elas.

Casa do Concello de Boiro
Casa do Concello de Boiro | Fonte: wikipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta