O PSdeG esíxelle a Xunta que aclare se o centro de atención a persoas con discapacidade de Ourense "será público ou non"

Segundo lembraron representantes socialistas en rolda de prensa, a de Ourense é a única provincia galega que carece dun centro público destas características

Por E.P. | OURENSE | 30/01/2023 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

O PSdeG de Ourense esixiu á Xunta que aclare se o futuro centro de atención a persoas con discapacidade (CAPD) da cidade "terá xestión directa e pública ou non", e denunciou a "inacción" do presidente Rueda e da conselleira de Política Social, Fabiola García, ante as demandas das familias con fillos con discapacidade desta provincia.

Segundo lembraron representantes socialistas en rolda de prensa, a de Ourense é a única provincia galega que carece dun centro público destas características e reclamaron ao goberno galego que atenda ás familias que necesitan ese servizo e déanlles "todas as explicacións necesarias", xa que están nunha situación "de gran dificultade".

"Demandamos respecto para as familias e para a cidadanía de Ourense, nun tema tan transcendental como é o tipo de xestión que vai ter o centro", apuntou a deputada socialista por Ourense, Mariña Ortega, que acusou ao PP de "xogar á confusión, afirmando que o centro é de titularidade pública", pero sen aclarar a xestión.

Respecto diso, incidiu en que as familias de fillos e fillas con discapacidade teñen unha "preocupación" fundamental, e é saber que estes terán uns coidados adecuados, nun centro con supervisión, para cando eles xa non estean para encargarse.

Así, Ortega trasladou as sospeitas dos socialistas de que a xestión do CAPD será derivada a unha empresa privada, algo ao que se opoñen "rotundamente", e lamentou que a conselleira non recibise ás familias, "que levan desde 2016 mobilizándose e revindicando un centro de xestión pública".

O PSdeG de Ourense expresou o seu apoio á "loita" das familias e á Plataforma ProCAPD Ourense na súa demanda "urxente" para un centro que ven como unha "miraxe que parece non chegar nunca", e censuraron "os continuos incumprimentos" do prazo de cosntrucción.

A representante da Plataforma, Eva Gutiérrez, lembrou que a súa demanda non é só cuestión destas familias, senón de todos os galegos, que pagan impostos cos que sufragará o centro (cuxa investimento orzado é de 8 millóns de euros). "(Ese diñeiro) sae do peto de todos os galegos, e non podemos deixarlle este edificio a unha entidade privada", recalcou.

Finalmente, cualificou como "insulto" que, tras o anuncio de que se retomaban os traballos, "a día de hoxe hai só dous obreiros" realizando tarefas e, ante esta "tomadura de pelo", cuestionou o prazo de finalización das devanditas obras, previsto para dentro de 13 meses.

Membros do PSdeG-PSOE de Ourense, con representantes da Plataforma ProCAPD Ourense.. PSDEG OURENSE
Membros do PSdeG-PSOE de Ourense, con representantes da Plataforma ProCAPD Ourense.. PSDEG OURENSE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta