Por E.P. | OURENSE | 31/01/2023 | Actualizada ás 18:52
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, garantiu que, se revalida e segue na Alcaldía tras os comicios de maio, será "o primeiro" rexedor dunha cidade española con transporte público "totalmente gratuíto para o 100% da poboación".
A medida, que avanza o dirixente de Democracia Ourensana (D.Ou.) nun comunicado, implantaríase o 1 de xaneiro de 2024.
"Este servizo de gratuidade unirase ás novas liñas de bus para Ourense cidade, e aos 40 novos buses que se estrearán na primavera de 2023", indica.
Segundo Jácome, as vantaxes das novas liñas e a súa gratuidade poderían "duplicar o incremento do uso do bus na cidade", de forma que se podería pasar dos 6,5 millóns de viaxes ao ano (validacións) aos 15 millóns --41.000 viaxes ao día de media--.
O dirixente de Democracia Ourensana defende que "a viabilidade económica é absoluta": alega que o custo do transporte de bus ao ano rolda os 7 millóns de euros/ano, e recada 1,6 millóns. "É dicir, só custaría 1,6 millóns facer o bus gratuíto a toda a poboación", recalca.
Finalmente, indicou que actualmente o 60% dos usuarios do bus xa non pagan por este servizo xa que o Concello "dispón dun gran abano de gratuidade segundo condicións".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.