O BNG di que "o PP ten moito que ocultar" sobre o "boom eólico" e pide unha comisión de investigación

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntouse que razóns ten o Executivo autonómico para "ocultar" de forma "sistemática" a información que lle solicitan os grupos parlamentarios a través do Lexislativo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2023 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

O BNG reclamará no Parlamento galego a apertura dunha comisión de investigación sobre a xestión da Xunta na concesión e seguimento de autorizacións para a apertura de parques eólicos, xa que, en palabras da líder frontista, Ana Pontón; o PP permite actuar "fóra da lei" ou elabora normativas "a medida" para favorecer un "boom eólico depredador" que se converteu nunha "estafa colectiva" para Galicia.

"O Partido Popular ten moito que ocultar", aseverou este mércores Pontón, flanqueada por gran parte do grupo parlamentario nacionalista na Cámara galega, á que trasladarán a súa proposta para configurar un órgano que investigue "que está a pasar" co "boom" eólico en Galicia, "por que se lle oculta información aos galegos" e "por que se lles perdoa" ás empresas eléctricas "o pago de recursos" ou o "desenvolvemento de plans industriais" asociados aos parques.

"Detrás desta reixa non está a sede do Goberno galego, está a sede dunha xestoría ao servizo das empresas eléctricas", espetou Pontón, que atendeu aos medios de comunicación ante a sede central da Xunta, no compostelán barrio de San Caetano.

Tras acusar o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de pór "unha alfombra vermella" ás compañías eléctricas e traballar "en contra do interese dos galegos" para favorecer o que denominou como "unha estafa colectiva", a portavoz nacional do BNG preguntouse que razóns ten o Executivo autonómico para "ocultar" de forma "sistemática" a información que lle solicitan os grupos parlamentarios a través do Lexislativo.

Segundo Pontón, o Partido Popular "perdoa" ás empresas o desenvolvemento ou monetización dos plans industriais vinculados aos megawatios de enerxía eólica concedidos desde a administración, algo que, di, quedou de manifesto co caso da compañía Greenalia nos parques de Campelo e Lamas de Feás, denunciado polo colectivo Adega ante Fiscalía.

"A Xunta perdoou a Greenalia, onde traballa recolocada a exconselleira Beatriz Mato, 11,7 millóns de euros que tiñan que ir ás arcas públicas pero que hoxe están nas contas dunha empresa", aseverou antes de subliñar que este caso reflicte "as portas giratorias" dun PP "que non defende o interese xeral dos galegos, senón o das eléctricas".

Así pois, "máis aló das responsabilidades penais" que, para Pontón, poidan depurarse neste caso, o Bloque cre que é preciso "esixir responsabilidades políticas no Parlamento", xa que advirten que o ocorrido coa concesión destes parques "pode ser só a punta do iceberg" ante a "acelerada e precipitada barra libre" ao desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia.

Neste sentido, denunciou que a Xunta promove leis "que son un traxe a medida" dos intereses das compañías e que "favorecen a depredación do territorio", algo que tamén asociou á "paralización" da ampliación da Rede Natura 2000, dado que "moitos" proxectos asíntanse en zonas susceptibles de ser declaradas como áreas protexidas.

"Lexíslase en contra dos intereses de xerais de Galicia", remarcou Pontón, que cre que así o demostran as sentenzas que tombaron tramitacións feitas pola Xunta, á que acusou de "negarse" a atender as peticións de acceso á información acerca de "por que" deixaron de "monetizarse máis de 1.600 millóns de euros en plans industriais que non levaron adiante".

E é que a líder nacionalista asegurou que sobre este asunto solicitouse documentación vía Parlamento que "non foi entregada" e pedíronse, sen éxito segundo Pontón, explicacións ao número dous do Goberno galego, Francisco Conde, e ao director xeral de Planificación Enerxética, Pablo Fernández.

"O Goberno galego non pode decidir se envía ou non un documento ao Parlamento", engadiu Pontón, que cre que esta negativa a dar explicacións evidencia que o PP "ten moito que ocultar" ao ser responsables de perpetrar "unha estafa colectiva" a Galicia.

CONDE VE AO BNG "NO NEGACIONISMO" ENERXÉTICO

Máis tarde, o vicepresidente primeiro e máximo responsable da área económica, Francisco Conde, foi preguntado polas acusacións da líder do BNG, forza política que, segundo o número dous da Xunta, "está nunha situación extremista e negacionista" que "non é coherente" co que defendían hai anos.

"Cando pecharon (a central térmica) das Pontes o que defendía o BNG era traballar no desenvolvemento das renovables e agora están nesa posición negacionista", remarcou Conde a preguntas dos medios nun acto en Santiago celebrado na mañá deste mércores.

Así, asegurou que a Xunta ten unha "aposta clara" polo desenvolvemento das enerxías renovables "respectando sempre o equilibro desde o punto de vista do impacto no medio natural" para continuar a senda da "descarbonización" da economía e favorecer que a súa instalación na comunidade mellore a "competitividade" da economía galega.

"A eólica é un elemento máis da fortaleza que pode ter Galicia para impulsar esa competitividade e unha economía máis sustentable", engadiu Conde antes de remarcar que a postura da Xunta é "firme e coherente", o que contrapuxo á forma de ver o desenvolvemento da enerxía eólica que, segundo o vicepresidente, ten o BNG. "Así é moi difícil construír país, sobre todo cando hai incoherencias", apostilou para, a continuación, subliñar que o impulso da enerxía eólica en Galicia "é un camiño sen retorno".

Ana Pontón e membros do grupo parlamentario do BNG en San Caetano, sede da Xunta. BNG
Ana Pontón e membros do grupo parlamentario do BNG en San Caetano, sede da Xunta. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta