A Televisión de Galicia pecha o mes de xaneiro coa audiencia máis alta desde 2014

Pecha todos os días da semana por encima do 10% de cota.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2023 | Actualizada ás 16:32

Comparte esta noticia

A Televisión de Galicia pechou o mes de xaneiro cunha cota media de audiencia do 11,2%, o mellor dato no primeiro mes do ano desde 2014, e cun 10,6% no prime time, a franxa de máis consumo do día, mellorando en 7 décimas a cota media de 2022.

Segundo informou a Corporación, en comparación co mes de xaneiro do ano pasado, o aumento de audiencia da Televisión de Galicia neste 2023 é case do 7% (6,7%). En concreto, a programación informativa máis vista no ámbito de Galicia segue sendo a da TVG, cunha audiencia total de 1.544.000 galegos maiores de catro anos. Ademais, creceron en cota os principais informativos. Na franxa do mediodía, o 'Galicia Noticias' subiu un 1,9% e o 'Telexornal Mediodía', un 0,8%. Tamén o matinal 'A Revista' creceu un 0,6%.

No ámbito das canles autonómicas, "a TVG sigue sendo un dos motores da FORTA", apunta a corporación nun comunicado, ao superar este grupo en 2,3 puntos no conxunto do mes. A Televisión de Galicia pecha todos os días da semana por encima do 10% de cota. En concreto, destacan as medias superiores á conseguida no conxunto do mes nas xornadas do luns (11,3%), martes (11,5%), xoves (12,4%) e venres (11,8%). E tamén en prime time os martes e xoves (cun 10,6%), venres (11,2%) e domingos (11,9%).

Imaxe do Telexornal. CRTVG
Imaxe do Telexornal. CRTVG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta