Angrois.- O perito do avogado do maquinista considera que Garzón "non ía desatento á condución" e a xuíza cuestiónao

Subliña que o xefe de maquinistas que avisou do perigo era "unha eminencia na seguridade en Galicia" e "seguiu o procedemento"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2023 | Actualizada ás 16:09

Comparte esta noticia

O primeiro do tres peritos propostos polo avogado do maquinista no xuízo polo accidente do tren Alvia, Miguel Yunquera, considerou que o procesado, Francisco Garzón, "non ía desatento á condución" aquel día, algo que foi cuestionado pola xuíza. "Eu considero que non ía desatento á condución", afirmou na parte final dun longo interrogatorio, aínda durante a quenda da avogada do Estado.

Entón interveu a xuíza, Elena Fernández Currás, para sinalar que o Alvia xa pasara varias zonas neutras. "Pero non se van contando as zonas neutras", respondeulle este perito, maquinista e liberado sindical no Semaf, cuxa tese é que Garzón sufriu unha "perda da conciencia situacional".

De feito, confesou que a el tamén lle ocorreu algo similar, extremo polo que se interesaron varias partes. "Se cadra durou tres ou catro minutos, circulando a unha velocidade reducida porque era unhas proximidades, non era alta velocidade", explicou.

"Está a darme moito medo", chegou a sinalar a xuíza. "Se sae desde Ourense e pasa pola cuarta zona neutra...", agregou, ao que Yunquera insistiu en que, na súa opinión, nesa liña faltaban medidas de seguridade e tampouco tiña "un elemento diferencial" que o situase. "É a súa opinión, eu xa chegarei á miña", resolveu Fernández Currás.

"NON HABÍA UN CLAMOR"

A xuíza tamén interrompeu outro momento dun interrogatorio para preguntarlle por cal foi a actuación do Semaf cando un xefe de maquinistas alertou sobre o perigo da curva de Angrois e este aviso "morreu en Renfe", en palabras da propia avogada do Estado.

Das respostas do comparecente, Elena Fernández Currás deduciu que "non había un clamor" entón entre os maquinistas, aínda que Yunquera precisou que el non formaba parte da organización a nivel central entón e situou o coñecemento da alerta por parte de maquinistas no ámbito "local".

Neste sentido, este maquinista erixiu a ese xefe de maquinistas en "unha eminencia na seguridade en Galicia" e subliñou que "denunciou" o que viu nas primeiras viaxes da nova liña. "E pasou o que pasou co seu informe", censurou. "Se o teu xefe escribiu, seguiu o procedemento... que escriba un maquinista seguramente non servise de máis. Isto non vai ao peso, vai de notificar riscos", remarcou.

Noutro punto, aínda ante a representante de Adif (Avogacía do Estado), o perito xustificou os 100 segundos da chamada entre o interventor e o maquinista, posto que se se produciu por exemplo por detectarse un quecemento ía ter "unha duración similar".

"AUTODIDACTA"

Pola súa banda, o letrado que representa a Renfe expresou a súa sorpresa pola afirmación de que Garzón, a xuicio do perito, foi "autodidacta" na liña, ao ser formado por unha vía con condicións diferentes á que rexistrou o descarrilamento.

En representación de Allianz, a aseguradora de Adif, o seu avogado tachou de "irresponsabilidade" que o maquinista non avisase de que levaba catro días coa habilitación caducada, pero o comparecente incidiu en que, na súa opinión, isto implica que debía recibir unha "reciclaxe" ou máis formación.

Miguel Yunquera, autor dunha peritaxe para o avogado do maquinista no xuízo do Alvia. CAPTURA
Miguel Yunquera, autor dunha peritaxe para o avogado do maquinista no xuízo do Alvia. CAPTURA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta