Compromiso do alcalde de Ferrol para axilizar a parte técnica do Memorial ás Vítimas do Franquismo en Ferrolterra

"O compromiso adquirido no seu momento fixaba para o ano 2022 a súa instalación", sinala a entidade promotora.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2023 | Actualizada ás 18:04

Comparte esta noticia

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, comprometeuse cos portavoces da Comisión prol Memorial ás Vítimas do franquismo de Ferrolterra a que os traballos técnicos para a instalación do monumento no barrio de Canido estean listos nos próximos días.

A reunión, solicitada pola entidade promotora en varias ocasións ao longo dos últimos meses, produciuse xusto despois dunha concentración na que a Comisión lamentou "os atrasos continuos na inauguración do monumento", segundo explicou Antón Branco.

"O compromiso adquirido no seu momento fixaba para o ano 2022 a súa instalación", engadiu, "pero a día non hoxe non está feito o desmonte no parque Antón Varela, nin o encofrado, nin a base de formigón que tarda un mes en fraguar. Vemos que vai acabar o mandato e que isto está sen facer".

Outro dos portavoces, Anxo Ferreiro, lembrou que durante o mes inmediatamente anterior á celebración dos comicios locais (28 de maio) non se pode inaugurar ningunha obra e que o tempo, por tanto, "aprema". Subliñou a importancia de que Ferrol conte cun memorial da represión franquista e incidiu en que case un milleiro de persoas de Ferrol, Eume e Ortegal foron asasinadas aqueles anos.

APROBACIÓN EN PLENO

Branco explicou ademais que o autor do monumento, Manuel Patinha, ten o seu traballo finalizado. "Faino desinteresadamente e xa está concluído", sinalou, "pero falta a colocación da base na que se van a inscribir os nomes e apelidos do case mil asasinados".

O portavoz quixo resaltar que o proxecto de Memorial aprobouse nun pleno no ano 2021 cos votos favorables de BNG, Ferrol en Común e do goberno local, en mans do PSOE. O PP abstívose.

Matogueira comprométese a axilizar os traballos técnicos para a creación do Memorial ás vítimas do franquismo en Ferrolterra
Matogueira comprométese a axilizar os traballos técnicos para a creación do Memorial ás vítimas do franquismo en Ferrolterra | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta