Contas insta á Xunta a mellorar a colaboración co sector privado e que este asuma tamén riscos de maneira "real"

A Xunta asinara en 2013 un modelo de colaboración público-privado que o Consello de Contas, logo da súa fiscalización, declara que non chegou a cumprir todos os obxectivos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2023 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

O Goberno galego, en 2013 e con Alberto Núñez Feijóo á fronte, impulsou un procedemento novo na comunidade --amparado pola lei que regula a contratación no sector público-- que, baixo a vía do diálogo competitivo (que implica a colaboración público-privada), buscaba dar unha solución global para cubrir as necesidades de alta tecnoloxía en diagnóstico por imaxe, intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia.

Esta modalidade de contrato, que o ente fiscalizador considera complexa, emprega a figura do diálogo co sector privado para lograr axustar a oferta de equipos ás necesidades do Servizo Galego de Saúde (Sergas), de forma que tamén se transfire o risco derivado da "propiedade" dos bens ao socio privado mediante a fórmula de "pago por dispoñibilidade".

O Consello de Contas acordou incluír o estudo deste contrato, que implicaba unha duración de 8 anos cun orzamento de licitación de 88 millóns de euros, no seu plan de traballo de 2019, dada a súa magnitude e co obxectivo de finalizalo no ano 2020, aínda que, segundo fai constar nun informe analizado por Europa Press, as "circunstancias sobrevindas" impedíronlle cumprir este obxectivo.

De feito, o órgano fiscalizador fixo público o informe en cuestión en decembro de 2022 e, a raíz do mesmo, realiza unha serie de recomendacións á Administración autonómica en relación a esta modalidade de contrato, a do diálogo competitivo, que ata a data non se usou para adquirir equipamentos deste tipo.

Entre outras cuestións, insta a Xunta a planificar máis, "a medio e longo prazo", as necesidades de equipos de alta tecnoloxía e a súa actualización; pero tamén a "mellorar o deseño" deste tipo de contratos que implican a colaboración público-privada--, de forma que se "asegure" que a transferencia de riscos ao socio privado sexa "real e efectiva".

"DEFICIENCIAS" NAS CONDICIÓNS FINANCEIRAS, PERO OPCIÓN ADECUADA

No que respecta á análise previa, Contas subliña que o Sergas xustifica o uso deste tipo contractual na "imposibilidade" de cuantificar os medios necesarios para cubrir as súas necesidades, para o que emprega unha análise da demanda de servizos usando como base o exercicio de 2012. Este marco temporal, segundo o órgano fiscalizador, é "insuficiente".

O ente fiscalizador tamén constata que no período que se planifica a contratación, a comunidade ten que recorrer á débeda para poder atender as necesidades de financiamento dos seus gastos de capital e o Sergas non dispón dun orzamento que permita atender a esas necesiades, pero "si ten dispoñibilidades que lle permitirían afrontar esa renovación nun marco temporal máis amplo".

A continuación, respecto da avaliación financeira, recalca que non se tivo en conta "a evolución dos mercados financeiros, usando tipos de interese excesivos".

A pesar das "deficiencias" achadas nas condicións financeiras, Contas conclúe en todo caso que optar por un contrato que flexibilice o servizo e permita a continua adaptación tecnolóxica dos equipos, xunto co impacto en termos de estabilidade orzamentaria, é "a máis adecuada" nun ámbito no que a importancia da tecnoloxía é elevada.

NON EXISTIU UNHA TRANSFERENCIA DO RISCO AO SOCIO PRIVADO

E incide o informe en que o procedemento de contratación tivo unha duración de 20 meses, o que evidencia "a complexidade tanto na definición do obxecto" do contrato como do procedemento elixido; que permitiu, por outra banda, axustar as previsións financeiras do contrato "alcanzando un aforro do 11%".

Respecto ao risco de dispoñibilidade, remarca que se analizou o valor dos descontos aplicados na facturación, resultando que "non alcanza nin o 1% de facturación do período", polo que se conclúe que "non existe unha transferencia do risco ao socio privado".

En canto a outras entidades, debido a este contrato incluíronse nas necesidades tecnolóxicas do Sergas as dotacións doutras entidades que lle prestan servizos, en concreto Galaria e o Centro Oncolóxico de Galicia.

No caso de Galaria, Contas indica que o convenio formalizado para a cesión dos equipos obxecto do contrato leva implicacións económicas que "non están debidamente contabilizadas", xa que se produce "unha compensación de ingresos e gastos".

En canto á Fundación, apunta que "non está debidamente xustificada a súa participación no contrato", xa que se trata dunha entidade privada que presta servizos de natureza sanitaria en condicións de mercado.

RECOMENDACIÓNS

O informe conclúe que, en relación aos aforros orzamentarios nos gastos de mantemento de equipos, obsérvase unha redución nos gastos de mantemento a partir da entrada de vigor do contrato, aínda que existe "un incremento global no gasto en bens correntes e servizos".

E no que respecta á análise da obsolescencia, púxose de manifesto unha "mellora significativa" como consecuencia das renovacións dos equipos, aínda que "os estándares de antigüidade óptima deixarían de cumprirse unha vez transcorridos o cinco primeiros anos do contrato".

Á vista das conclusións, formúlanse catro recomendacións, empezando por mellorar as fontes de información, acudindo a datos oficiais referidos a un período de tempo "suficientemente amplo" que permita dispor de datos de calidade que faciliten a avaliación previa nas decisións de contratación.

Tamén aposta por establecer neste tipo de contratos de colaboración público-privada os mecanismos necesarios que garantan que as condicións financeiras da licitación "axústanse á realidade dos mercados".

Así mesmo, ratifícase que se debería mellorar o deseño destes contratos, asegurando que a transferencia de riscos ao socio privado sexa "real e efectiva"; e planificar "a medio e longo prazo" as necesidades tanto de novos equipos como a reposición de base instalada para poder garantir a actualización tecnolóxica permanente e "manter e mellorar os estándares de obsolescencia", así como para poder planificar os recursos financeiros suficientes para atendelas.

Sede do Consello de Contas de Galicia.
Sede do Consello de Contas de Galicia. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta