A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal acollerá máis de 150 investigadores grazas ao programa IACOBUS

O principal obxectivo é o fomento da cooperación transfronteiriza en actividades de investigación, formativas e de divulgación científica entre centros de estudo e entidades científicas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2023 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

Un total de 160 investigadores europeos realizarán estancias e publicacións científicas na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a través do programa Iacobus. Deles, 102 participarán na modalidade de estancias e 58 na de publicacións científicas.

O principal obxectivo é o fomento da cooperación transfronteiriza en actividades de investigación, formativas e de divulgación científica entre centros de estudo e entidades científicas.

Segundo trasladou a Xunta, esta iniciativa conta cun investimento de 200.000 euros e está dirixida a persoal investigador pre e postdoctoral, docente (PDI) e de administración e servizos (PAS) das universidades, institutos politécnicos e centros tecnolóxicos das rexións europeas.

Así mesmo, o goberno autonómico sinalou que o aumento das candidaturas rexistradas na última edición do programa puxo de manifesto a súa consolidación e impulsou o peso en Europa do traballo de investigación da Eurorrexión.

Nesta liña, o director da Agrupación Europea deCooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión, Nuno Almeida, asegurou que a área transfronteiriza "está na primeira liña das publicacións científicas en Europa". Así, de entre os 58 artigos seleccionados, 40 apareceron nas revistas máis relevantes na súa categoría de coñecemento.

Ao longo da súa historia, estes proxectos de investigación, que contan co apoio e o financiamiento da Unión Europea a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (Poctep), sumaron máis de 2.300 candidaturas e un investimento de 1,6 millóns de euros.

Investigadora do programa Iacobus
Investigadora do programa Iacobus | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta