Reaccións Ence.- Fernández Lores contundente: "Poderoso cabaleiro é don diñeiro"

O goberno di que acatará a sentenza. A empresa sobe un 27% en Bolsa tras avalar o Supremo a súa continuidade en Pontevedra .

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 07/02/2023 | Actualizada ás 18:22

Comparte esta noticia

Ence pechou a sesión bolsista cunha subida de máis do 27% despois de que o Tribunal Supremo estimase os recursos presentados pola compañía e outras entidades contra as sentenzas da Audiencia Nacional que anularon a prórroga a actividade da fábrica situada ao pé da ría de Pontevedra, aprobada en 2016 polo Goberno de Mariano Rajoy, que determinaba a continuidade da factoría no seu actual emprazamento.

Así, as accións de Ence pecharon cun avance do 27,14%, ata un prezo por título de 3,86 euros tras darse a coñecer o fallo que permite á compañía continuar operando na ría de Pontevedra, unha das principais incógnitas que pendían sobre o futuro da compañía.

Vista da fábrica de celulosa Ence ante a que in milleiro de persoas protestan, pola contaminación da ría
Vista da fábrica de celulosa Ence ante a que in milleiro de persoas protestan, pola contaminación da ría | Fonte: EP

GOBERNO ACATA A SENTENZA

O Goberno acatará a sentenza do Tribunal Supremo. Así o confirmaron fontes do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico a Europa Press, que engaden que, en todo caso, o departamento que dirixe Teresa Ribeira está á espera de coñecer na súa totalidade da sentenza do alto tribunal.

BNG

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou como "un fracaso total do Estado de Dereito" a decisión da Sección Quinta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo.  "Sabiamos que un Concello, aínda sendo unha capital de provincia, e os seus cidadáns, pelexando primeiro contra o Estado e despois contra o gran capital foi sempre unha loita claramente desigual", dixo o rexedor nacionalista. "Poderoso cabaleiro é Don Diñeiro", engadiu Fernández Lores, citando a Francisco de Quevedo e "sendo suave".

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou o fallo. "Esta sentenza será lembrada por inxusta e inexplicable", afirmou. "Sabemos que as multinacionais teñen poderes na sombra, pero non pasarán por encima da dignidade de Pontevedra e Galicia", asegurou nunha mensaxe na súa conta oficial da rede social Twitter.


"Nada nos impedirá seguir loitando para sacar a Ence da ría de Pontevedra. Hoxe con máis forza que nunca", sostén.

FORMOSO MOSTRA "RESPECTO ABSOLUTO"

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, mostrou o seu "respecto absoluto" polo fallo do Tribunal Supremo que avala a permanencia na ría de Pontevedra de Ence ata 2073, á vez que chama a "pasar páxina e mirar cara ao futuro" centrados na continuidade dos traballadores na factoría e pide garantías ambientais por parte da empresa.

"A vida continúa", afirma. Así, empraza a preocuparse pola esixencia de garantías laborais, á vez que demanda á compañía unha modernización das instalacións, que "teñen obsolescencia" tras décadas desde a súa construción. Igualmente, require "aproveitar esta situación para un saneamento integral da ría de Pontevedra", unha contorna no que traballan miles de profesionais.

"ALIVIO" PARA EMPRESARIOS DE PONTEVEDRA

A Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP) expresou este martes a súa "satisfacción e alivio" tras o fallo do Tribunal Supremo a favor de prorrogar a licenza de uso de costa a ENCE na Ría de Pontevedra por un período de vixencia de 50 anos máis, ata 2073. Para a CEP, trátase dunha decisión "moi importante" polo que supón para o mantemento do emprego e de todas as familias que van poder continuar vivindo do traballo nesta fábrica.

Nun comunicado, os empresarios pontevedreses subliñaron que a satisfacción "é dobre", ao considerar que esta sentenza é un importante precedente que devolve algo de esperanza a moitas empresas de moi diversos sectores que pola súa actividade levan décadas asentadas na costa e, por mor da revisión do regulamento de Costas, ven perigar a súa continuidade, "xerándose unha indesexable e inaudita inseguridade xurídica e pondo en risco miles de empresas e de empregos".

"A CORDURA GAÑOULLE AO DESPROPÓSITO"

O secretario da Plataforma de Apoio á Industria da Provincia de Pontevedra, Cándido Farto, asegurou que na entidade están "moi satisfeitos" coa decisión.  "A cordura gañoulle ao despropósito", dixo Cándido Farto. "Pontevedra non podería manter a máis de 1.500 persoas na rúa, facendo colas nas oficinas do paro, deixando de pagar alugueres e angustiados polo seu futuro", engadiu.

Farto incidiu en que esta Plataforma representa a un número moi importante de traballadores dependentes de Ence, "o cal nos obriga a manter empregos de calidade e seguridade". Para esta Plataforma, co fallo do Supremo "gañamos todos", por suposto, "as empresas que lle damos servizo á planta de Lourizán", polo que conclúe "Pontevedra gaña, e Galicia tamén".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 El Ciz

Alcanzada liña flotación estratexia BNG, máis a nivel nacional que local pois Pontevedra e a saída de ence iban á recuperación da confianza no pobo nun cambio mediante o traballo nas institucions. E o poder o sabe. Moito dano