Os parques eólicos ameazan os últimos santuarios da aguia real e doutras especies en perigo en territorio galego

Os últimos refuxios de alta e media montaña destas aves son áreas de potencial implantación de proxectos para enerxía eólica, poñendo en risco esta especie.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 07/02/2023 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

A asociación ADEGA denuncia nun comunicado que os proxectos eólicos deseñados desde a Xunta de Galicia e desde o Goberno central están ameazando a poboación de aguias reais en Galicia. A aguia real (Aquila chrysaetos) en Galicia mantén unha pequena poboación, en Perigo de Extinción segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas, que sobrevive nos lugares menos humanizados da montaña de Ourense e Lugo.

Aguia real. Fonte: Juan lacruz [CC BY 3.0 (https://creativecommons.org/licenses/by/3.0)
Aguia real. Fonte: Juan lacruz [CC BY 3.0 (https://creativecommons.org/licenses/by/3.0)

Esta especie, da que non máis de media ducia de parellas se reproducen cada ano en territorio galego, é unha das máis afectadas pola masiva implantación de polígonos eólicos e infraestruturas asociadas en lugares coincidentes ou moi próximos ás súas zonas de reprodución, de campeo e posibles áreas de expansión, moi necesarias para asegurar a recuperación e viabilidade da especie a longo prazo.

Ademais, outras especies consideradas En Perigo de Extinción en Galicia como o millafre real (Milvus milvus) e mesmo o oso pardo (Ursus arctos) veranse seriamente afectadas pola proliferación de proxectos eólicos na montaña oriental, algúns deles xa na última fase de tramitación para a súa aprobación definitiva.

Para especies cunha acusada diminución das súas poboacións nos últimos anos, como a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus) -as dúas Vulnerables no Catálogo Galego de Especies Ameazadas-, a execución destes proxectos eólicos suporían estragar as zonas de media/alta montaña onde teñen os seus últimos refuxios, algo que se acentúa, se cabe aínda máis, no contexto actual de cambio climático.

En liñas xerais, os novos proxectos eólicos supoñen unha grave ameaza para a biodiversidade galega, destruíndo enormes extensións de hábitats de importancia europea segundo a Directiva 92/43/CEE (Directiva de Hábitats), así como as especies asociadas a estes.

A pesares de que en Galicia, dende a aprobación do plan director de Rede Natura 2000, está
prohibida a instalación de novos polígonos eólicos nos espazos distinguidos con esta figura de
protección europea, o certo é que moitos dos proxectos da montaña oriental se planifican nos límites das zonas protexidas ou mesmo en espazos incluídos nas malogradas ampliacións da Rede Natura 2000 esbozadas nos anos 2008 e 2011, supoñendo un grave impacto para os valores ambientais e paisaxísticos destes espazos.

Neste sentido, a administración galega non está a tomar as medidas apropiadas para evitar nos espazos da Rede Natura 2000 a deterioración dos hábitats naturais e dos hábitats das especies ameazadas e prioritarias, así como as alteracións que repercutan nelas, tal como recolle a lexislación estatal e europea.

Cabe resaltar que Galicia conta con escasamente o 12% do seu territorio incluído na Rede Natura 2000 (aproximadamente a metade da media estatal e dez puntos menos que a media europea) e que unha parte importante destes espazos xa contan con parques eólicos na súa superficie. Por outra banda, tan só 4 das 200 especies do Catálogo Galego de Especies Ameazadas contan con plans de conservación ou de recuperación aprobados e por tanto a información da que se dispón para a súa xestión é escasa e nesgada.

Neste escenario de implantación masiva de enerxías pretendidamente “verdes e renovables”, con nula sensibilidade e escaso control ambiental, os proxectos que máis comprometen a viabilidade das últimas aguias galegas son os que afectan ao LIC Ancares-Courel, á contorna do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, ao Macizo Central e á montaña de Trevinca. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta