Pontón asegura que "vai esgotar todas as vías" para que Ence "saia da ría de Pontevedra"

Sinala que o fallo "se carga a Lei de Costas" e dá "un trato de favor" á pasteira sobre outras empresas galegas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2023 | Actualizada ás 18:26

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu a criticar este xoves a sentenza emitida polo Tribunal Supremo sobre a planta de Ence en Pontevedra, que avala a prórroga da concesión dos terreos ata 2073, e asegurou que o fallo "se carga a Lei de Costas" e dá "un trato de favor" á pasteira sobre outras empresas galegas.

Así o manifestou a preguntas formuladas polos medios nun acto en Ourense onde secundou a mesma liña que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen foi crítico coa decisión do tribunal e asegurou que era "un fracaso total do Estado de Dereito".

Pontón considerou "sorprendente" a resolución esgrimindo que "dá a volta" a unha sentenza anterior da Audiencia Nacional que "tiña unha xustificación xurídica moi clara" e que desde o BNG o que queren é "coñecer en primeiro lugar o contido exacto" do fallo, para estudar se queda algunha outra vía.

"Imos seguir defendendo que Ence ten que saír da ría de Pontevedra", garantiu Ana Pontón, asegurando que este é un debate "que non se acaba no xurídico" e que a formación nacionalista "vai esgotar todas as vías xudiciais, pero tamén sociais". Porque a cidade de Pontevedra "ten todo o dereito a poder desenvolver o seu potencial sen que unha industria contaminante hipoteque o futuro dunha ría", subliñou.

"OUTRA LOCALIZACIÓN"

Deste xeito, expuxo que "hai alternativas para o traslado" e que "hoxe máis que nunca é evidente que hai que darlle a Pontevedra un futuro", que considera que pasa porque Ence "ten que buscar outra localización".

Nesta liña, opinou que a sentenza "é inexplicable" e afeou que significa que "bota por terra unha resolución anterior ben fundamentada desde o punto de vista xurídico". Por iso, a portavoz nacionalista considera que "é evidente que se carga a Lei de Costas" e, indo máis aló, sinalou que "hai un trato de favor para unha empresa que non tiveron outras empresas galegas", que se viron obrigadas a trasladarse de localización.

"Nada xustifica que Ence teña que permanecer neste emprazamento, hai moitas outras localizacións nas que podería estar", insistiu Pontón, manifestando que o seu partido "seguirá traballando para que Ence salga da ría de Pontevedra" porque "é un tema clave non só para o deseño da cidade, senón tamén para a recuperación do espazo natural". Así, defendeu que o espazo natural "ten un enorme potencial onde se poderían crear centos e centos de posto de traballo" comparándoo "coa riqueza que crea a ría de Arousa".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta