Formoso segue mostrando a súa "alegría" porque Ence manteña o proxecto de papel tisú nas Pontes

O secretario xeral do PSdeG rexeita valorar a petición de CCOO de deixar ás Pontes sen este proxecto industrial para trasladalo a Lourizán.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2023 | Actualizada ás 19:18

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, mostrou este xoves a súa "alegría" por que Ence pretenda instalar unha planta de produción de fibra reciclada nas Pontes, e restou importancia ás discrepancias que hai en filas socialistas sobre a sentenza do Tribunal Supremo coñecida esta semana.

"Sempre entendemos que localmente cada un ten que velar polos seus intereses", asegurou Formoso este venres, durante unha visita realizada como presidente da Deputación da Coruña á cidade de Ferrol.

E é que, despois do fallo emitido o martes --aínda falta por coñecer o contido da sentenza-- polo Tribunal Supremo que estimaba o recurso da propia empresa, dirixentes como a presidenta da Deputación de Pontevedra e presidenta do PSdeG, Carmela Silva, insistían na súa postura de que a pasteira debía saír de Lourizán.

"Alegrámonos de que o futuro na instalación estea garantido e por outra banda, nós como sempre, é un proxecto moi benvido na nosa vila. Creo que na nosa comarca todo o que ten que ver co sector forestal require de proxectos deste tipo para a posta en valor, sobre todo cando estamos a falar de economía circular", afirmou Formoso ao ser preguntado pola planta de produción de fibra reciclada prevista nas Pontes.

TRASLADO DAS PONTES A PONTEVEDRA

Neste sentido, o líder do PSdeG rexeitou valorar a petición da secretaria xeral de CC.OO. en Galicia, Amelia Pérez, de pedir a Ence que traslade a Pontevedra o proxecto que ten previsto para As Pontes --municipio do que Formoso é alcalde--, concretamente unha fábrica de fibra e papel tisú.

"Eu non vou entrar aí, non vou ser eu o que valore as declaracións de terceiros e eu insisto en que para nós o publicado por Ence nun comunicado de prensa é unha boa noticia", recalcou.

"Ademais, coincide co que se nos di persoalmente desde a dirección e por tanto nós seguimos traballando nun proxecto que ilusiona moitísimo a esta comarca e que ademais penso que o merece", asegurou na súa visita a Ferrol.

Arquivo - O novo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, durante unha entrevista con Europa Press, a 10 de febreiro de 2022, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). Formoso, que ademais é presidente da Deputación da Co. César Arxina - Europa Press - Arquivo
Arquivo - O novo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, durante unha entrevista con Europa Press, a 10 de febreiro de 2022, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). Formoso, que ademais é presidente da Deputación da Co. César Arxina - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta