Araceli Gestido será a candidata do BNG para a alcaldía de Cangas á cal lle dará o "futuro que merece" segundo Pontón

A portavoz nacional do BNG aproveitou o acto de presentación para denunciar a situación da sanidade galega "por culpa do goberno do PP", convertido "nun perigo para a saúde".

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 09/02/2023 | Actualizada ás 20:42

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este xoves na presentación da candidata nacionalista á Alcaldía de Cangas, Araceli Gestido, unha "muller preparada, con experiencia" e que dará á vila "o futuro que merece".

"O 28 de maio Cangas pode recuperar con Araceli o orgullo, o sorriso e a esperanza", proclamou a líder do Bloque, quen encargou a Gestido a tarefa de "darlle a volta á situación do concello", que agora está "sen ninguén ao temón", para "escribir unha nova páxina na súa historia".

Pontón mostrouse convencida de que os cangueses "queren un Concello que funcione, que axude ás persoas" e "que achegue dinamismo económico". Cangas, engadiu, é un municipio "que o ten todo para avanzar, para progresar, para mirar o futuro con esperanza e con optimismo".

A modo de exemplo, a portavoz nacional situou aos gobernos nacionalistas dos dous concellos veciños, dirixidos por Félix Juncal (Bueu) e Leticia Santos (Moaña).

Non en balde, Ana Pontón aproveitou o acto para denunciar a situación da sanidade galega "por culpa do goberno do PP", convertido "nun perigo para a saúde". Por iso, animou á cidadanía a "encher as rúas de Santiago de Compostela" este domingo na manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública.

Ana Pontón en rolda de prensa.. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
Ana Pontón en rolda de prensa.. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta