O PSOE local de Ourense alerta de "bancarrota" no Concello pola "xestión irregular do alcalde" Jácome

A portavoz municipal socialista, Natalia González, advertiu que hai obras en marcha na cidade que "non se van poder pagar porque non hai diñeiro consignado".

Por E.P. | OURENSE | 09/02/2023 | Actualizada ás 20:48

Comparte esta noticia

O Partido Socialista de Ourense alertou este xoves de que o Concello podería estar abocado "á bancarrota pola xestión irregular do alcalde", Gonzalo Pérez Jácome, e "o malgasto de diñeiro público en obras irrealizables e inviables".

Así o manifestaron os socialistas nunha comparecencia ante os medios de comunicación na que apuntaron que a obra da rúa Concordia, coas súas escaleiras mecánicas, "é o epicentro do malgasto" do rexedor e "o principal expoñente de tres anos e medio de mandato marcados polo escurantismo, a falta de modelo de cidade e as malas praxes na xestión pública".

"Esta obra é o fiel reflexo do mandato de Jácome", asegurou a portavoz municipal socialista, Natalia González, que sinalou que a instalación das ramplas mecánicas na rúa onde o alcalde ten o seu negocio supón "enterrar 5 millóns de euros que non sabemos se imos poder manter". Para a dirixente socialista, isto "representa a perfecta alegoría da caída en picado e o descenso directo á bancarrota á que se encamiña o Concello".

Ademais, González denunciou que, a maiores do custo inicial previsto para a obra, fíxose unha modificación do proxecto orixinal que "era unha chapuza" porque se obviaron cuestións como a instalación dun colector de saneamento ou o acceso ás vivendas, "polo que se podería incrementar o gasto total ata un 20%", estimando uns 700.000 euros.

Nesta mesma liña, a socialista advertiu que hai obras en marcha na cidade que "non se van poder pagar porque non hai diñeiro consignado" e criticou que Pérez Jácome as anuncia simplemente "para vender fume electoral".

"Non se pode enganar á cidadanía mentres baleiran as arcas municipais, se realizan praxes irregulares na contratación e se vulnera a transparencia", afeou a portavoz socialista, que insistiu en que "o neglixente modo de actuar" do goberno local "podería conducir á bancarrota e o hipotecado".

A portavoz municipal do PSOE en Ourense, Natalia González.. PSOE DE OURENSE
A portavoz municipal do PSOE en Ourense, Natalia González.. PSOE DE OURENSE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta