Bugallo dará explicacións no próximo pleno sobre o aluguer da nave pola que dimitiu un concelleiro

No pleno extraordinario, previsto para o vindeiro xoves, tamén tomará posesión da súa acta Begoña Rodríguez tras a dimisión de Pichel

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2023 | Actualizada ás 16:08

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, confirmou que, en principio, o vindeiro luns, cando está convocada a comisión de urbanismo para ditaminar a planificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para tratar a regulación das vivendas de uso turístico (VUT), convocarase o pleno extraordinario para o xoves día 16.

Así, está previsto que na orde do día figure tamén a comparecencia do rexedor, a petición do PP, para dar explicacións sobre o aluguer da nave de Desproi pola que dimitiu o concelleiro socialista José Manuel Pichel.

Ademais, tomará posesión da súa acta a edila substituta de Pichel, a socialista Begoña Rodríguez. Segundo detallou Bugallo, o primeiro punto será a toma de posesión da concelleira; o segundo, o Plan Xeral; e, en terceiro lugar, a comparecencia.

VIVENDAS DE USO TURÍSTICO

En canto á modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) na regulación dos usos das vivendas de uso turístico (VUT), o Concello explicou que, "unha vez aprobada", o departamento de Urbanismo iniciará o proceso de aprobación dunha ordenanza "complementaria" a esta normativa que regule, entre outros aspectos, a declaración de Mantemento de Actividades e Usos Preexistentes (MAUP). Segundo trasladou o consistorio municipal, a liña na que traballa a Concellaría de Urbanismo é que esta ordenanza se aplique en tres supostos de incompatibilidade.

En primeiro lugar, aquelas actividades que teñen título municipal habilitante antes da entrada en vigor da nova ordenación; en segundo lugar, as actividades consolidadas que se desenvolven "de forma pacífica e continuada" a condición de que non conten con título habilitante municipal, o inicio de actividade fose antes do 16 de decembro de 1989 e non sexan susceptibles de legalización coa formulación agora vixente; por último, aplicarase nas que no momento no que iniciaron a súa actividade tivesen as condicións necesarias para ser legalizables, pero non solicitasen o título habilitante municipal.

Neste último suposto, deberíase cumprir simultaneamente que esa actividade sería autorizable coa formulación vixente no momento no que se iniciou e que fose iniciada con anterioridade á suspensión de licenzas publicada no DOG o 27 de decembro de 2019.

Ademais, tal e como explicou este venres o alcalde, despois da aprobación da modificación da PXOM comezará un proceso para a aprobación da ordenanza; un proceso que implicará unha consulta pública coa participación dos axentes implicados e os veciños, a aprobación inicial da ordenanza no órgano correspondente, e a exposición pública, alegacións, e aprobación definitiva.

Cuestionado sobre cantas vivendas beneficiaranse con estes criterios, Bugallo limitouse a sinalar que "dependerá da ordenanza". En todo caso, afirmou que os criterios do Concello pasan por "os que estaban antes da planificación do Plan Xeral".

"O Concello nunca estivo pola prohibición sen máis, senón pola súa regulación e pola preservación do uso de vivenda como uso principal da vivenda. A vivenda de uso turístico é unha actividade económica, non é un uso de vivenda", insistiu.

SENTENZAS

Así, Bugallo reiterou que as VUT son unha actividade económica, "como recoñecen e recollen todas as sentenzas" ditadas "tanto polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) como polos tribunais do Contencioso de Santiago".

"É unha fervenza de sentenzas no mesmo sentido e todas parten de que houbo unha actuación incorrecta por parte da Xunta e de feito os letrados da Xunta están a saír mal parados nas últimas sentenzas nas que tanto o contencioso de Santiago como o TSXG está a dicirlle que a comunicación previa non exime do cumprimento da norma e que a propia lei 2/2016, a lei urbanística de Galicia, establece que non se pode legalizar unha actuación que vaia contra o plan", explicou.

Nesta liña, pediu ao Goberno galego "empezar a pensar" en que "non pode ignorar estas sentenzas" que, ao seu xuízo, "descualifican de forma evidente a liña de defensa da súa asesoría xurídica". En opinión do alcalde da capital galega, tras "varias decenas de sentenzas no mesmo sentido", "seguir ignorándoas" é "unha irresponsabilidade e unha temeridade".

Pleno extraordinario do Concello de Santiago deste luns, 12 de setembro / CONCELLO DE SANTIAGO. / Europa Press
Pleno extraordinario do Concello de Santiago deste luns, 12 de setembro / CONCELLO DE SANTIAGO. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta