Pequenos calados, pequenos ben educados?

Hai nenos e nenas que non responden aos estímulos externos por medo a “romperen as normas”. Desde xeracións atrás o neno ou a nena non debía discutir, non debía preguntar, as cousas eran porque si. Unha educación baseada no autoritarismo ou no exceso de protección pode ter como consecuencia xente adulta insegura, con baixa tolerancia á frustración e ás veces, incapaces de levar adiante relacións sociais sás e duradeiras.

Por Moncho Mariño | Santiago | 18/02/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A sociedade, polo menos a sociedade tradicional en Galicia, consideraba que os máis pequenos debían só obedecer e non cuestionar nada. O dito polos adultos era palabra de lei e se a lei se rompía chegaba o castigo. Existente testemuñas ao longo da historia sobre as consecuencias deste tipo de comportamento intrafamiliar e social. Hoxe en día, a sobre-protección dos menores acaba en seres humanos incapaces de soportar un “non”, unha ruptura, unha caída nas cualificacións e un aumento da agresividade. Mais a cuestión de educar durante a infancia mediante métodos autoritarios pode traducirse no futuro nunha persoa con grandes pesos na súa vida e verse incapacitada para responder a estímulos e cuestións moi simples de resolver.

Nenos participantes nun campamento de Pontevedra.. AFUNDACIÓN
Nenos participantes nun campamento de Pontevedra.. AFUNDACIÓN

PORQUE O DIGO EU!”

A idea é que o neno ou nena obedeza. Que é obedecer? Seguir normas dictadas polos adultos por seren quen “mandan”. Obedecer é “facelo ben”. Que é desobedecer? Todo o contrario, “facelo mal” e recibir un castigo, físico ou non físico. Unha educación baseada no autoritarismo crea “nenos calados, que non cuestionan nada por medo, son menores submisos” di Ana Ulloa, orientadora e membro do Colexio de Psicoloxía de Galicia. “Crecen con baixa autoestima, sen confianza en si mesmos”.

A obediencia dos nenos a unha educación autoritaria cuxa única resposta á pregunta de “por que isto é así?” ten por resposta “porque o digo eu!”. Por tanto, estase creando un sistema de valores que non debe romperse segundo as “ordes” transmitidas polos adultos. “É un sistema de se fixa nos fallos, nos erros que cometen os fillos e que ignora o comportamento natural do neno ou nena”, di Begoña Castro, psicóloga e tamén membro do Colexio de Psicoloxía de Galicia.

O resultado máis grave xa se vén apuntando, nenos que finalmente teñen unha baixa confianza en si mesmos, unha autoestima reducida e sobre todo, nenos e nenas con problemas de sociabilidade, non se adaptan facilmente aos cambios, non son “flexibles” ante novos contextos educativos, sociais ou vitais. “Os nenos criados baixo este sistema van gardando rancor e queren evitar o fracaso en vez de ir polo éxito” di Castro.

O medo ao fracaso é o elemento que fai perder a iniciativa do neno. Fracasar supón “romper as normas” e por tanto cheo de “fallos”. Isto “obriga” aos adultos a corrixir a situación mediante o castigo. Por outra parte, “se os adultos toman decisións polos fillos e fillas sen ter en conta a súa opinión, a comunicación filo-paternal será case inexistente”, di Ulloa. A educación autoritaria acabará por manifestarse tamén de maneira física “porque serán nenos con ansiedade, terán fobias e vivirán en alerta constante” apunta Begoña Castro.

HAI SOLUCIÓN OU QUEDARÁ PARA TODA A VIDA?

As consecuencias dunha educación autoritaria poden traspasar a adolescencia e chegará idade adulta? “O neno pode rebelarse contra estas imposicións e buscar fóra o que non encontra dentro do círculo familiar” apunta Ulloa. En tal caso, estes nenos poden “ser manipulables e non son capaces de defenderse ás veces”. A consecuencia a longo prazo é que “acabaremos vendo adultos inmaduros que non asumen compromisos e non toman responsabilidades”, isto no caso de que os pais non deixen “libre” ao fillo ou filla.

Algo previsible é “que o adolescente se rebele” lembra Ulloa, contra a autoridade e queira respostas ou motivos polos que as cousas “son así”. É posible que haxa momentos de violencia cando se produce esta rebelión? “Pódese chegar a situacións violentas e se a persoa non cae na conta, pódese dar o caso de que esas persoas acaben en comportamentos que os leven a situacións conflitivas”.

Non obstante, na actualidade estase dando paso a unha educación sobreprotectora, unha maneira de educar baseada en “facilitarlle” as cousas aos fillos, ás veces en exceso. As consecuencias, paradoxalmente, poden ser moi semellantes á educación autoritaria. “Son persoas con moi baixa tolerancia á frustración, son inseguros porque non saben facer algunhas cousas” di Begoña Castro. A postura autoritaria paraliza, a sobre-protectora tamén paraliza por non saber facer, non saber desenvolverse e todo isto crea frustración.

Pode solucionarse? Pode “resetearse” a mente dunha persoa nova ou que pase dos 40 para abandonar estes comportamentos? “Canto máis axiña mellor e coa axuda apropiada pode facerse, é un proceso longo. No caso dunha persoa adulta debe caer por si mesma na conta e pedir axuda” destaca Ulloa, quen sinala ademais que “ás veces son pais e nais que non queren repetir os mesmos patróns de comportamento cos seus fillos”.

Durante a vida de adulto as vivencias, experiencias e dificultades que encontre o antigo neno-adolescente son os elementos que poden abrir “o momento, o caer na conta de que non sabes facer” di Castro. “Isto pódese tratar con terapia, pois a restauración da persoa ten que vir acompañada dun profesional”. Isto último é o que leva á reflexión sobre a necesidade de normalizar a psicoloxía educativa.

A obediencia “cega” ás ordes dos adultos pode acabar creando persoas inmaduras, sen capacidade resolutiva en moitos aspectos da vida, baixa tolerancia á frustración e persoas que, no plano afectivo-sexual, acaben comportándose de maneira inmadura e sen ter en conta os sentimentos da outra persoa. Os pais e nais acompañan aos fillos e fillas nun percorrido importante da súa vida, xusto cando deben aprender como resolver cousas, como valerse por si mesmos para non verse sorprendidos por un mundo que, a priori, non coñecen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta