Defensa da Sanidade: "A protesta demostra que o Sergas non é de fiar e falsea a realidade"

Considera un "rotundo éxito" a manifestación deste domingo en Santiago de Compostela. O goberno lembra a Feijóo que a sanidade é unha competencia transferida ás comunidades autónomas

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/02/2023 | Actualizada ás 11:17

Comparte esta noticia

A Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) considera un "rotundo éxito" a manifestación celebrada este domingo en Santiago e na que participaron miles de persoas. Á vez, ve "desesperadas" as medidas para o Sergas anunciadas pola Xunta a semana pasada.

A través dun comunicado remitido a medios este luns, o colectivo apunta que estas solucións  consisten "basicamente en ofertar 400 prazas en propiedade" a través de concurso de méritos --sen oposición--, o que tacha de "cacicada".

Ademais, engade a AGDSP, a creación destas prazas "contradí o argumento esgrimido pola Consellería de Sanidade, de que non hai médicos para contratar". "Isto demostra unha vez máis que a administración sanitaria galega non é de fiar e falsea a realidade con ocorrencias atropeladas", lamenta.

A asociación sinala que estas medidas foron adoptadas "de maneira precipitada tras anos de falta dunha política de persoal desastrosa baseada na estabilidade e a precariedade" do persoal de Atención Primaria. "Consideremos que é unha reacción á desesperada, destinada a frear o apoio profesional á manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade", engade.

Participantes na masiva protesta de SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela
Participantes na masiva protesta de SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

GARDAS NOS PAC

Xunto a estas prazas, a Asociación en Defensa da Sanidade Pública afea a pretensión do Sergas de "ofertar un sobresueldo" a médicos que fagan gardas nos puntos de atención continuada para "ampliar a actividade de profesionais sometidos a unha presión asistencial desbordante".

"Suporía un risco para a poboación, xa que incrementaría a posibilidade de erros médicos", alerta, para seguidamente concluír que o que precisa o persoal sanitario é "estabilidade e unhas condicións laborais dignas e xustas".

REACCIÓNS GOBERNO 

A ministra portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, arremeteu este luns contra o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, por achacar ao Executivo central a situación da sanidade pública tras as manifestacións do domingo e lembroulle que é unha competencia transferida ás comunidades autónomas.

"Non deixou de sorprenderme que o líder do principal partido da oposición, que xestionou a sanidade pública en Galicia, onde tamén se mobilizabaron onte os profesionais sanitarios, veña a responsabilizar ao Goberno de España desta situación", afeoulle en declaracións a Telecinco, recollidas por Europa Press.

Rodríguez defendeu que o goberno de PSOE e Unidas Podemos está a dar a volta a "toda unha era de recortes" en sanidade cando gobernaba Mariano Rajoy e preguntou a Feijóo se considera, "como dicía Rajoy", que en sanidade os españois viven por enriba das súas posibilidades "ou, pola contra, cre que hai que investir máis" e "non insultar aos sanitarios, senón reforzar as súas condicións de traballo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta