Batas Blancas: "Rueda estaba de festa no cocido mentres varios nenos sufrían ataques de escarlatina"

A EOXI de Santiago Barbanza pola súa parte sinala que o número de profesionais pediatras na área está ao completo.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 15/02/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Asociación Batas Blancas emitiu o seu apoio á manifestación do pasado domingo en apoio da sanidade pública. En dito comunicado sinalan o seu posicionamento "a favor da poboación galega que sofre e sofrirá" a atención e xestión sanitaria que ten hoxe Galicia. Deste xeito, denuncian tamén a grave e "histórica" situación que está atravesando o SERGAS. Ao mesmo tempo reclaman a organizacións políticas, profesionais, sociais e sindicais mostrar novas vías de solución e "non plabras á demanda cidadá (que non política) do pasado día 12"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda,  na LV Feira do Cocido de Lalín. Lalín.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICI
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na LV Feira do Cocido de Lalín. Lalín.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICI

No mesmo comunicado, Batas Blancas apunta que "mentres isto sucedía o presidente Rueda estaba de festa ao redor dun cocido" en Lalín "alleo a todas estas preocupacións". Nese mesmo concello, uns pais "estaban desesperados no Centro de Saúde tentando recibir unha asistencia sanitaria mínima e de calidade", ante o ataque de escarlatina que sofrían os seus fillos.

Dita asistencia, segundo Batas Blancas, non puido darse no centro de saúde polo que os pais tiveron que desprazarse a Santiago. Ante isto, o colectivo tamén denuncia que "desde hai moitos meses", hai queixas continuas pola deficiente atención pediátrica no centro de saúde de Lalín, nunha árera de 40.000 habitantes. 

Para Batas Blancas, a solución está en mans da Xunta de Galicia e non do Goberno central. Piden que se tomen as decisións a pé de rúa e non "nun despacho onde o conselleiro lle conte sobre o que lle interesa e os Colexios Médicos defendendo a compatibilidade do exercicio público co privado".

RESPOSTA AREA SANTIAGO BARBANZA

A Xerencia da área sanitaria Santiago-Barbanza, ante a alarma xerada por un comunicado da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, enviou outro comunicado en relación ao caso de Lalín onde pedía tranquilidade á poboación.

A raíz do comunicado, a EOXI sinala que a dotación de pediatras na área do Deza está ao completo e "a escarlatina é unha enfermidade maioritariamente benigna, con tratamento e fácil diagnóstico mesmo pola clínica". Sobre o tratamento da doenza, os profesionais da Sanidade pública galega están perfectamente capacitados, tanto pediatras como médicos de familia.

A EOXI tamén fixo mención ás declaracións feitas por Susana Rey, presidenta da Sociedade Galega de Pediatría, que exerce no Hospital Clínico, que subliñou que “levamos centos de casos rexistrados e mesmo gromos en centros escolares de toda Galicia, e non hai ningunha razón para a alarma”.

“A escarlatina é hoxe en día unha infección común, causada polo estreptococo A", sinalan. A actual repunta de escarlatina débese "ao mesmo ca o resto das infeccións infantís, a que os nenos máis pequenos tiñan débil o sistema inmune por ter menos contacto social nos últimos anos e polo uso da máscara”.

Tamén destacan que en Galicia hai test de abondo, concretamente no centro de Saúde de Lalín houbo estes días un consumo superior á media e se servirán en breve os test, "que confirman o diagnóstico pero que non son imprescindibles cando a clínica está clara".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta