A Deputación de Pontevedra escolle cinco estudos como finalistas para a transformación de Santa Clara en museo

A presidenta provincial, Carmela Silva reiterou que a rehabilitación do antigo convento "vai ser unha das obras culturais máis ambiciosas do Estado.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2023 | Actualizada ás 13:05

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente César Mosquera deron a coñecer este xoves os cinco aspirantes finalistas para o concurso de proxectos para a rehabilitación e ampliación do Convento de Santa Clara para o seu uso museístico.

Os proxectos que alcanzaron máis puntuación son os de: Kaan Architecten; Kengo Kuma & Associates; Neto Sobejano Arquitectos; UTE David Chipperfield - Carlos Seoane e a UTE Snohetta Oslo - Alfonso Penela. Estes cinco estudos de arquitectura seleccionados elaborarán un anteproxecto e optarán á reforma, segundo destacaron nesta comparecencia de prensa, na que resaltaron que se trata de equipos técnicos que participaron nas obras "máis importantes" do sector cultural a nivel mundial.

A valoración foi "estritamente técnica" en base ao portfolio presentado por cada un deles. Para iso, o xurado tivo que analizar 6.679 folios de documentación presentados polas 23 candidaturas que concorreron neste proceso con 629 proxectos dos que 160 eran de museos. O vicepresidente César Mosquera detallou que o cinco seleccionados para rehabilitar Santa Clara fixeron obras "espectaculares" e suman "como mínimo" 77 premios internacionais e achegan experiencia en 56 museos.

Pola súa banda, Carmela Silva reiterou que a rehabilitación do antigo convento "vai ser unha das obras culturais máis ambiciosas do Estado" e mostrouse confiada en que estes estudos de renome situarán ao Museo de Pontevedra como un referente cultural e arquitectónico "no mundo". Tamén destacou que este proxecto de Santa Clara vai "vento en popa" e está "a cumprir rigorosamente todos os prazos que nos demos".

A Deputación de Pontevedra ten previsto aprobar esta selección mañá venres en Xunta de Goberno Provincial, co que abrirá a segunda fase de elaboración de anteproxecto, para o que disporán dun prazo dun tres meses. Para iso, a deputación facilitará toda a información necesaria e organizará visitas ao edificio para que os estudos de arquitectura poidan facer ese traballo xunto cun programa de necesidades do que será sétimo edificio do Museo de Pontevedra. Polo feito de estar xa seleccionados recibirán 30.000 euros.

O proceso concluirá coa selección da proposta gañadora por parte do xurado, que estará formado por doce especialistas, a metade da Deputación e a outra de fóra da institución provincial.

Traballos no convento de Santa Clara
Traballos no convento de Santa Clara | Fonte: Concello de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta