Denuncian que o CHUS está cancelando revisións aos pacientes de oncoloxía "sen explicación algunha"

A Asociación de Pacientes e Usuarios remarca que o cancro necesita dunha revisión constante para o seu control e detección e para paliar os efectos dos tratamentos. “Calquera atraso, por pequeno que sexa, pode supoñer a diferenza entre a vida e a morte"

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2023 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia que o servizo de oncoloxía e a xerencia do hospital cancelaron as citas de revisión dos pacientes de cancro, “sen causa aparente e sen explicación algunha”. Segundo sinalan, esta cancelación faise vulnerando o artigo 9 da Orde do 13 de xullo de 2004 que establece o principio de estabilidade da axendas e prohibe, salvo casos excepcionais autorizados e motivados, que existan, como está acontecendo agora de xeito xeneralizado, que haxa pacientes en espera dunha asignación de cita.

CHUS, Hospital Clínico de Santiago
CHUS, Hospital Clínico de Santiago | Fonte: Sergas

Indican que os pacientes de cancro “xa teñen dabondo” como para que tamén teñan que fracer fronte a un “maltrato asistencial” por parte do Sergas. “Semella que para o Sergas sufrir un cancro non é suficiente para os/as pacientes, e prefire tensar aínda máis a corda dos/as pacientes oncolóxicos/as, poñendo atrancos na atención sanitaria máis básica requirida para o tratamento e curación que non fan senón aumentar exponencialmente o risco de morte e de secuelas irreparables”, lamentan.

Remarcan que o cancro necesita dunha revisión constante para o seu control e detección e para paliar os efectos dos tratamentos. “Calquera atraso, por pequeno que sexa, pode supoñer a diferenza entre a vida e a morte, entre os tratamentos curativos e os paliativos”.

Ante iso, os pacientes de cancro están vendo como lle cancelan as citas de revisión periódicas pautadas polos/as oncólogos/as por vía telefónica e sen previsión de cando se volverá a citar aos/ás pacientes. Isto está “situándoos ao bordo do precipicio, condenándoos/as a un maior risco de morte do que o que ten a propia enfermidade, e a uns índices de ansiedade, nerviosismo e malestar que en nada contribúen á súa saúde e recuperación, obrigándoos  a maiores  gastos e a ter irremediablemente que acudir á privada para non poñer en risco as súas vidas”, enfaitizan.

Entón, desde a Asociación, piden a todos os familiares e pacientes a poñer unha reclamación canto antes para que se segue co tratamento oncolóxico “coa máxima urxencia”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta