A Costa da Morte chega até Berlín grazas ao filme 'Sica'

A cineasta española Carla Subirana explica que a "semente" desta película foi a "conexión magnética moi forte coa paisaxe", que descubriu en 2016, unha das costas máis perigosas do mundo.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 19/02/2023 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

A cineasta española Carla Subirana presenta hoxe na Berlinale a súa película "Sica", ambientada na Costa de Morte, que describe como "unha viaxe de descubrimento, da perda da pel da infancia", á vez que "un berro de auxilio ante a crise climática".

Fotograma de 'Sica'/https://www.elblogdecineespanol.com/
Fotograma de 'Sica'/https://www.elblogdecineespanol.com/

En entrevista con EFE, a directora explica que a "semente" desta película foi a "conexión magnética moi forte coa paisaxe", que descubriu en 2016, unha das costas máis perigosas do mundo, que é como "unha sepultura aberta" con esa "brutalidade do océano" que "nos dá para comer e á vez nos quita a vida".

Sica é unha adolescente que ten que afrontar a perda do seu pai, que morre afogado ao faenar, e busca respostas nas ondas da rochosa Costa da Morte, mentres unha tormenta paira sobre o pobo pesqueiro no vive. Como documentalista, Subirana tivo moi claro que o primeiro que ía facer era un traballo de investigación para coñecer a cultura mariñeira e a zona da Costa da Morte, "a linguaxe da paisaxe e a linguaxe das persoas que viven alí".

Ademais, interesáballe abordar a adolescencia, "unha etapa de transformación do ser humano", de cambio "vital" e "fundamental" que define ás persoas. Outro aspecto é o transfondo de desequilibrio da natureza, "porque 'Sica', é un berro de auxilio ante a crise climática", polo que lle interesaba poñer á natureza no centro.

Así, "Sica" é unha "viaxe de descubrimento, da perda da pel da infancia", no que a protagonista descobre que "na comunidade na que creceu nada é o que parece". Pero á vez entende que, aínda que ela mitifique a figura do pai, "a figura presente, que está ao seu lado e e que a acompaña, é a nai". Por tanto, nesta película hai dúas nais, a de Sica como figura central, importante e que a protagonista entende, e doutra banda, "a nai natureza, que é a que manda".

No seu proceso de investigación, a directora encontrou tamén cunha serie de lendas, da tradición oral ou que leu, e que atopan tamén o seu espazo na película. "Sica" supuxo ademais para Subirana unha "viaxe á inversa" respecto a a súa primeira película, "Nedar", un retrato dunha familia de mulleres -a súa propia- marcada pola ausencia masculina, un tema por tanto que recupera agora no seu filme, que se proxecta na Berlinale dentro da sección Generation, dedicada ao cinema infantil e xuvenil.

Precisa que a súa primeira película era "máis documental, con estratexias de ficción, con estruturas de ficción", mentres que "Sica" é un filme "máis de ficción, que parte dunha metodoloxía máis de documental", de aí ese "camiño á inversa". Para a actriz Núria Prims, o que máis lle atraeu deste proxecto, á parte do "regalazo" de rodar en Costa da Morte -"unha zona onde a natureza é tan forte, tan viva e tan presente"-, foi o feito de traballar con actores e actrices non profesionais.

"O reto é superar o medo para saber estar á altura de traballar coa maxia e a naturalidade dos que non son profesionais, de non quedar fóra de lugar", explica. Para Thais García Blanco, que encarna a Sica, estar na Berlinale faille sentir "bastante feliz, porque non é algo que pase sempre".

Como actriz non profesional, explica de maneira concisa que rodar foi "moi repetitivo, pero ao mesmo tempo divertido", porque lle permitiu coñecer xente, e lembra despois, algo máis solta xunto a Subirana, algunhas cousas curiosas que lle sorprenderon do proceso de rodaxe. A directora, pola súa banda, considera que a Berlinale é "unha porta de entrada marabillosa para que 'Sica' teña un excelente percorrido". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta