Falece o histórico sindicalista ferrolán Rafael Pillado

Padecía un cancro producido pola súa exposición ao amianto durante os seus anos como traballador nos estaleiros de Bazán

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 20/02/2023 | Actualizada ás 19:15

Comparte esta noticia

O histórico sindicalista ferrolán Rafael Pillado faleceu este luns aos 80 anos de idade por mor dun cancro producido por amianto, debido ao seu contacto con este material durante os seus anos como traballador nos estaleiros de Bazán, hoxe Navantia.

Hai pouco máis dun ano, a finais de xaneiro de 2022, o propio Pillado facía publico que padecía esta afección, que o levou a demandar xudicialmente á empresa pública naval, obrigada a indemnizar ao seu extraballador con case 128.000 euros, cantidade case catro veces menor á que demandaba o afectado.

Veciño do barrio de Caranza, a vida laboral de Pillado estivo vinculada ao estaleiro de Bazán, onde desempeñou un intenso labor sindical. Chegou a ser detido e xulgado tras os acontecementos do 10 de marzo de 1972, nos que morreron dous traballadores do sector naval durante os enfrontamentos coa Policía. Pillado foi tamén militante do Partido Comunista e delegado de CCOO, ademais de ser concelleiro no Concello de Ferrol polo PSOE.

Rafael Pillado no barrio de Caranza
Rafael Pillado no barrio de Caranza | Fonte: GC

"NON QUERO QUE A MIÑA ENFERMIDADE SEXA CLANDESTINA"

En xaneiro de 2022 fixo público que padecía un cancro. "Quero pedirvos que informedes a todo o mundo. Non quero que a miña enfermidade e a de tantos afectados sexa clandestina", proclamou Pillado entón, cando avanzou a presentación dunha reclamación xudicial que definiu como un intento por que cumprisen "os responsables" dos "asasinatos silenciosos" producidos pola exposición ao amianto.

En setembro do pasado ano o Xulgado do Social número 2 de Ferrol admitiu de maneira parcial a reclamación presentada por Rafael Pillado, na que se condena á empresa naval publica Navantia a indemnizalo en 127.909,22 euros, unha cantidade moi afastada aos máis de 379.000 euros que reclamaba na demanda.

Tras coñecerse o fallo, o avogado do histórico sindicalista, Suso Porta, avanzou a presentación dun recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), ao estimar que dita indemnización non se corresponde co dano causado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Lucía Calvo

Rafael Pillado foi, non só militante do Partido Comunista de Galicia, senón tamén o seu Secretario Xeral, elixido nun Congreso a primeiros de novembro de 1983

2 Lucía Calvo

Rafael Pillado foi, non só militante do Partido Comunista de Galicia, senón tamén o seu Secretario Xeral, elixido nun Congreso a primeiros de novembro de 1983

1 Moine

Foi-se um herói da classe operaria. Todos os trabalhadores livres hoje estamos de luto.