As pernoctacións hoteleiras en xaneiro en Galicia medran menos que a media estatal

Ocupa o último posto entre comunidades en ocupación por praza e ingreso por habitación dispoñible

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 23/02/2023 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

Os hoteis galegos tiveron un total de 323.439 pernoctacións en xaneiro de 2023, o que supón un 34,6% máis que no mesmo mes de 2022, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) este xoves. Con todo, este repunte é case 12 puntos inferior ao 46,4% de avance na media española, con 15,5 millóns de pernoctacións no global de hoteis do país.

Pola súa banda, rexistráronse un total de 179.060 viaxeiros nos hoteis galegos durante o primeiro mes deste ano, o que se traduce nun 39,4% máis que en xaneiro de 2022. Todas as provincias galegas anótanse un incremento interanual nas pernoctacións.  O reparto é o seguinte: A Coruña, 150.209 pernoctaciones; Pontevedra, 104.172; Lugo, 36.636; e Ourense, 32.422.

ÚLTIMA EN OCUPACIÓN E INGRESO POR HABITACIÓN

Pola súa banda, Galicia ocupa o último posto entre comunidades no grao de ocupación por praza, cunha taxa de só o 24,2%, a distancia da media do 45,8%.  Ademais, os prezos hoteleiros galegos soben preto dun 7%, tamén por baixo da media española de crecemento do 11%.

A tarifa media diaria dos hoteis en Galicia é a segunda máis baixa do país, con 55,59 euros, só por enriba de Asturias, onde é de 54,6 euros. Os ingresos por habitación dispoñible dispáranse un 47% no caso galego --aínda que é máis baixo que o 53,7% de repunte no Estado--, o que non serve para abandonar o último posto entre comunidades, con só 16,37 euros, moi lonxe dos 51,8 euros de media.

Galicia é o oitavo destino favorito dos residentes españois, cun 4,3% do total. Andalucía, Madrid e Cataluña son os principais destinos.

Fachada do hotel NH Finisterre da Coruña
Fachada do hotel NH Finisterre da Coruña | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta