Bugallo di que "non teñen nada que facer" ante a folga no Servizo de Axuda no Fogar

Segundo el, a empresa pretende utilizar este paro como "ariete" para rescindir o seu contrato co Concello.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2023 | Actualizada ás 15:20

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, eximiu ao seu goberno de responsabilidade ante a folga das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), xa que, segundo el, a empresa pretende utilizar este paro como "ariete" para rescindir o seu contrato co Concello.

Bugallo foi preguntado este xoves sobre a folga convocada para o vindeiro martes 28 por parte do comité de empresa de Servisar, adxudicataria do SAF en Santiago, coa que as traballadoras denuncian non cobrar as subidas do IPC de 2021 e 2022 que lle corresponden por convenio.

Ademais, o persoal do SAF reclamou ao Concello que faga cumprir as condicións deste convenio á empresa de servizos sociais que gañou por concurso a adxudicación deste servizo.

O alcalde explicou que o seu goberno "non ten nada que facer respecto diso", xa que a negociación das traballadoras "é competencia da empresa", pero asegurou que se abrirá o "expediente oportuno" para sancionar o "incumprimento das obrigacións" por parte desta.

Bugallo aclarou que, aínda que comparte as demandas das traballadoras, é consciente de que o seu goberno está "a ser obxecto dunha presión combinada" por parte dunha empresa que quere rescindir o seu contrato e non o pode facer de "forma legal".

Neste sentido, o rexedor asegurou que, para "reclamar unha substancial subida de prezos", Servisar "está a apertar aos traballadores para que actúen como ariete" e así conseguir o seu obxectivo.

SERVIZO MUNICIPAL CON MÁIS TRABALLADORES

O alcalde aproveitou esta pregunta para pór en valor o servizo, para o que, segundo el, a administración fai "o maior esforzo" e no que se invisten "entre 18 e 20 euros á hora", o que supón un total de "catro millóns de euros ao ano".

Bugallo describiuno como o "maior e principal servizo municipal", xa que nel traballan 198 persoas, unha cifra maior que no resto de servizos municipais, e dá asistencia a "ao redor de 700 persoas".

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, este luns en rolda de prensa.. CONCELLO DE SANTIAGO
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, este luns en rolda de prensa.. CONCELLO DE SANTIAGO

COMPOSTELA ABERTA ACÚSAOS DE "MIRAR PARA OUTRO LADO"

A candidata de Compostela Aberta á Alcaldía, Marta Lois, trasladou o seu apoio ás traballadoras do Servizo de Axuda non Fogar (SAF), que convocaron unha xornada de folga para o vindeiro martes, e acusou ao Concello de "mirar para outro lado" ante o "incumprimento" das condicións sociolaborais das empregadas por parte da empresa Servisar.

Lois culpou ao executivo de Bugallo de levar meses "ignorando as demandas" destas empregadas e asegurou que, ante "esa "pasividade", ao persoal do SAF "non queda outra" que convocar esta folga programada para o vindeiro martes.

Así mesmo, a concelleira lembrou que a súa formación política levara unha moción ao Pleno, no pasado mes de xaneiro, na que instaba o Concello a demandar á empresa Servisar o cumprimento das condicións sociolaborais co persoal do SAF, e que o PSOE se abstivo.

Para Compostela Aberta a posición do grupo socialista nesa votación foi "moi reveladora", porque trasladou a actitude do Goberno de "mirar para outro lado" sobre esta cuestión e "non exercer o labor de control" que lle corresponde sobre este servizo municipal.

Ademais, Marta Lois insistiu en que foi o goberno local o que adxudicou e licitou o contrato do SAF que está actualmente en vigor e que, por iso, "é a súa obrigación que se cumpran as condicións establecidas" nel. Para a concelleira "non é de recibo" que o alcalde "presuma deste servizo mentres ignoran as queixas das súas traballadoras", e volveu a esixir ao Concello os resultados da auditoría sobre o contrato do servizo.

PERDA DE ENTRE 100 E 150 EUROS Ao MES

Segundo o comunicado polo comité de empresa de Servisar en Santiago, as traballadoras, que gañan un soldo inferior ao salario mínimo interprofesional, non están a cobrar a "subida correspondente" ao IPC de 2021 e 2022, tal e como lles correspondería por convenio.

Este incumprimento supón ao persoal do SAF unha perda de entre 100 e 150 euros ao mes. As traballadoras apuntan directamente á pasividade do alcalde, que segundo elas non adoptou ningunha medida desde que comezaron as súas queixas, "nin no relativo ao salario" nin a outras cuestións vinculadas á organización do servizo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta