A Xunta non bota en falta a Pardo de Vera porque "non cumpliu" os compromisos con Galicia

Rueda pide a sucesor da luce se que se fagan realidade todos os "compromisos reais" con Galicia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/02/2023 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reclamou este xoves que o sucesor da galega Isabel Pardo de Vera á fronte da Secretaría Xeral de Transportes demostre que "á parte das palabras" este departamento ten "compromisos reais" con Galicia. Na súa comparecencia tras o Consello da Xunta, considerou "un pouco preocupante" as declaracións dalgúns responsables socialistas respecto da marcha de Pardo de Vera por apuntar que o compromiso deste departamento con Galicia podía "estar en cuestión".

A secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera
A secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera | Fonte: Europa Press

"Mal imos se todos os compromisos cunha comunidade dependen dunha cuestión persoal de quen está a exercer unha responsabilidade", advertiu, polo que espera que "non sexa así", xa que as obras e proxectos deben depender dun compromiso "entre administracións e territorios".

Para Rueda todo o que estaba pendente antes da chegada de Pardo de Vera á súa responsabilidade no Ministerio de Transportes "segue pendente", polo que aínda que lle desexou "toda a sorte" na súa traxectoria espera que o seu substituto, David Lucas, demostre un maior compromiso con Galicia.

En concreto, referiuse a que a Xunta segue sen coñecer cando van chegar os trens Avril, ou ás obras para a reparación do viaduto da A-6 que se derrubou en xuño pasado e "agora non vai ser reposto na súa integridade até 2030", así como o traspaso da xestión da AP-9 a Galicia.

David Lucas foi nomeado novo secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, e Raül Branco, novo presidente de Renfe en substitución de Isabel Pardo de Vera e Isaías Taboas, respectivamente, que o luns anunciaron que deixaban os seus cargos tras a polémica pola contratación dos novos trens de ancho métrico para Cantabria e Asturias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta