A Policía Autonómica presta vixilancia e protección a 270 mulleres vítimas de violencia machista

A cifra máis alta rexístrase na provincia da Coruña, con 97 casos. Rueda reclama ao Estado que "complete os efectivos"

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 23/02/2023 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

A Policía Autonómica de Galicia presta vixilancia e protección a un total de 270 mulleres vítimas da violencia machista. Por xefaturas, son 97 na da Coruña, 68 na de Vigo, 36 na de Santiago, 31 na de Lugo, 22 na de Ourense e 16 na de Pontevedra.

Son cifras avaliadas este xoves na reunión semanal do Goberno galego e das que informou posteriormente o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen volveu a reclamar "con insistencia" ao Estado que "complete os efectivos" desta unidade adscrita, xa que actualmente opera con 362 axentes do medio centenar que ten asignados.

En concreto, hai 91 membros da Policía Autonómica dedicados a estas funcións en materia de protección de vítimas de violencia de xénero. Ao longo do 2022, houbo un total de 563 mulleres que tiveron protección policial. Neste cómputo inclúense, ademais das 270 que agora mesmo están activas no sistema, as 240 que quedaron inactivas e as 53 que pasaron a outros corpos de seguridade por cambio de domicilio das vítimas.

A actividade da Policía Autonómica nesta materia o ano pasado permitiu deter a catro persoas, realizar 2.515 identificacións e máis de 23.200 accións de contravixilancia tanto na contorna da afectada como do agresor.

CAMPUS VIRTUAL EN IGUALDADE LABORAL

Por outra banda, o Consello da Xunta abordou este xoves a programación do campus virtual de formación en igualdade laboral e relacións laborais, que en 2023 prevé duplicar as súas cifras de usuarios. Este espazo dixital pechou 2022 con case 2.800 persoas e actualmente conta con máis de 3.000.

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda Valenzuela, preside a reunión do Consello da Xunta. Edificio Administrativo de San Caetano
O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda Valenzuela, preside a reunión do Consello da Xunta. Edificio Administrativo de San Caetano | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta