Por Europa Press / Redacción | Galicia | 23/02/2023 | Actualizada ás 19:17
O persoal da Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) aprobou en asemblea iniciar unha mobilización "sostida e contundente" nos medios públicos que arrincará o 6 de marzo cunha folga de 24 horas.
Os obxectivos que figuran no preaviso rexistrado polo comité intercentros son "reclamar o cesamento dos abusos e restablecer un clima laboral respectuoso cos dereitos" dos traballadores do ente público, así como "erradicar o trato degradante" que "persoas con superioridade xerárquica e funcional inflixen" aos traballadores ao seu cargo.
Ademais, reclaman "realizar sen demora o estudo sicosocial" acordado no comité de seguridade e saúde laboral e repor nos seus medios de orixe ao persoal que foi "trasladado como castigo" da radio para internet ou televisión e da televisión para a radio.
Segundo explica nun comunicado, o intercentros enmarca estas mobilizacións nun contexto laboral "absolutamente deteriorado" por "anos de manipulación informativa, precariedade, marxinación profesional e desmantelamento da estrutura da capacidade produtiva propia" da corporación.
Ademais, a representación legal do persoal acusa de "falta de proxecto de medios públicos e de perspectiva de país" á actual dirección, que encabeza Alfonso Sánchez Izquierdo desde o ano 2009.
RESPOSTA DA COMPAÑÍA
Pola súa banda, a dirección da empresa encadra este anuncio "unha vez máis, dentro das disputas internas da parte social ante o escenario de eleccións sindicais" e ante a "perda de representatividade derivada do proceso de OPE".
Fontes da corporación indicaron, nunha resposta remitida a Europa Press por mor desta convocatoria, que en abril de 2022 o comité de empresa "negouse a asinar a consolidación de emprego do 100% do cadro de persoal, aprobada polo 95% da asemblea de traballadores, desobedecendo o mandato do persoal".
PRONUNCIAMENTO DO PRESIDENTE
Respecto diso e a preguntas da prensa na súa comparecencia posterior á reunión semanal do Goberno galego, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda evitou opinar sobre esta folga, xa que se trata dun "dereito constitucional" e por tanto non ten "nada que dicir, sempre que se respecten os servizos mínimos que se marquen e toda a legalidade".
En todo caso, destacou os "potentes" datos de audiencia da TVG, "canto máis" ao ser unha televisión "de carácter autonómico". "Polo tanto, alégrome de que os galegos aprecien as emisións e a calidade da televisión pública de Galicia", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.