Un pensionista galego cobra 173 euros menos que a media española

Galicia segue tendo a pensión máis baixa despois de Extremadura a pesar de subir un 10%.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2023 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

A pensión media en Galicia (que inclúe todo tipo de prestacións xa sexa por xubilación, orfandade, viuvez ou outras) situouse en febreiro nos 1.017,87 euros, o que supón un 10,01% máis que no mesmo mes de 2022, a pesar de que continúa 173 euros por baixo da media estatal, que alcanza os 1.191,28 euros, un 9,79% máis.

Segundo datos publicados este venres polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, recollidos por Europa Press, Galicia é a segunda comunidade autónoma española onde as pensións son máis baixas, quedando só Estremadura por baixo, con 994,57 euros de media.

En total, ata 769.623 galegos percibiron algún tipo de pensión en febreiro. Delas, 71.391 foron por incapacidade permanente, cunha contía media de 1.019,21 euros. A pensión de xubilación en Galicia situouse nos 1.163,44 euros de media e foi cobrada por 484.218 persoas na Comunidade.

Ademais, 183.989 persoas ingresaron de media 718,01 euros por viuvez e 23.218 uns 471,57 euros por orfandade. A pensión media en favor de familiares ascendeu a 617,34 euros e percibírona 6.807 persoas en Galicia.

Das case 770.000 pensións que se cobran en Galicia, 303.080 correspóndense á Coruña, con 1.067,78 euros de media; 113.678, a Lugo, con 916,94 euros; 106.593 a Ourense, con 883,02 euros, e 246.272 a Pontevedra, con 1.061,40 euros de media.

Persoa anciá pensionista sendo atendida por unha coidadora nunha residencia
Persoa anciá pensionista sendo atendida por unha coidadora nunha residencia | Fonte: Arquivo - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta