Un camión cisterna en chamas obriga a cortar a circulación na A-52 á altura da Cañiza

O condutor do vehículo, cuxa mercadoría non é perigosa, saíu do mesmo polo seu propio pé

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 28/02/2023 | Actualizada ás 16:27

Comparte esta noticia

A A-52 á altura da localidade pontevedresa da Cañiza -- quilómetro 269 -- está cortada á circulación, despois de que un camión cisterna, que transportaba polietileno, empezase a arder.

Segundo informou o 112 nas redes sociais, o condutor do vehículo, cuxa mercadoría non é perigosa, saíu do mesmo polo seu propio pé, aínda que recibiu axuda por parte da Policía Local. Foi atendido polos servizos sanitarios, que mobilizaron o helicóptero medicalizado con base en Ourense ata o lugar do accidente.

Arquivo - Garda Civil
Arquivo - Garda Civil | Fonte: 112

Como medida preventiva estableceuse un perímetro de seguridade de 250 metros. Así, os vehículos poden circular pola autovía en dirección Ourense, mentres que o outro sentido continúa cortado.

Nos labores de extinción do lume e seguridade viaria están a participar a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local, Grupo Especial de Seguridade (GES) de Ribadavia, Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (Speis) do Porriño, GES-Speis de Ponteareas e sanitarios de urxencias.

O camión transportaba na cisterna bólas de polietileno, que arderon e se solidificaron despois na zona das rodas da cabeza tractora. Isto dificultou o acceso ao foco do lume aos servizos de emerxencia, que descartaron calquera signo de contaminación. Agora, vaise a proceder ao levantamento da cisterna cun guindastre.

A MEZQUITA 

Tamén este martes na A-52 rexistrouse outro incendio. Neste caso, o dun camión que portaba unha formigoneira e que ardeu no punto quilométrico 113, á altura da Canda, en sentido a Vigo, ao seu paso pola Mezquita (Ourense). O condutor do vehículo resultou ileso.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o lume afectou tanto o camión como á súa carga e, tamén, calcinou unha zona de monte. Varios particulares deron a voz de alarma.

Tras a alerta, o servizo de emerxencias solicitou a intervención do GES da Gudiña, da Garda Civil de Tráfico, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Mezquita e do servizo de mantemento da vía de circulación. Ademais, tamén se pasou o aviso ao Servizo de Defensa Contra Incendios Forestais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta