Conta atrás para a Festa do Queixo de Arzúa, unha das máis antigas de Galicia

Foi presentada o pasado 24 de febreiro e o programa de actividades desenvolverase en Arzúa do 3 ao 5 de marzo. Este ano alcanza a súa 48ª edición e contará con 53 queixerías entre os expositores.

Por Galicia Confidencial | Arzúa | 01/03/2023 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

“Foron meses de traballo, máis do que a xente pensa, que comeza nada máis rematara a pasada edición coa avaliación do ano pasado”, comentaba o Alcalde de Arzúa, José Luis García, na presentación oficial do pasado 24 de febreiro.

Presentación da 48ª edición da Festa do Queixo de Arzúa. Foto: Prensa do Concello de Arzúa.
Presentación da 48ª edición da Festa do Queixo de Arzúa. Foto: Prensa do Concello de Arzúa.

Nesta edición haberá 53 queixerías presentes e un total de 68 postos con outros produtos, co cal o recinto feiral, Multiusos Terra do Queixo, está ao completo. O recinto estará dividido en 3 zonas: a zona A na que haberá unha selección de 9 postos de produtos artesanais gourmet (doces, chocolates, pastas, sidra, aceites, crema de castaña…), unha zona B con 11 queixerías da DOP Arúa-Ulloa,  e a zona C na que se emprazarán 6 queixerías con certificado de Produtores Lácteos Tradicionais.

O pregoeiro, como xa anticipou este medio, será Tamar Novas, e no apartado de ‘Arzuáns do ano’ este ano levarán o recoñecemento: Granxa Ecolóxica Figueiroa –Premio Exceleite--, Jesús Mosquera, investigador natural de Viladavil, e Tania Taboada, xornalista nacida en Viñós con que tras o seu paso por diferentes medios de prensa e TV actualmente traballa no programa Espejo Público de Antena 3.

Como noutras ocasións, haberá un importante dispositivo sanitario e un punto violeta, e no apartado de programación o rexedor comentou que “buscamos grupos que coincidan coa tradición da festa e que encaixen en orzamento”.

Xosé Luís Carrera, presidente do CRDOP Arzúa-Ulloa, agradeceu ao Concello o seu compromiso e comentou que “retomamos as catas comentadas para insistir na divulgación” lembrando tamén a colaboración co centro de formación profesional EFA Piñeiral, cos que farán unha actividade esta semana, así como o concurso de petiscos, con 18 establecementos inscritos.

Na presentación tamén interviñeron Alberto Alfonso, director do Festival do Queixo, e Aurora Varela, concelleira de Cultura. Alberto lembrou a participación dos carballeses “Apart”, gañadores do concurso ‘Queixo Maquetón’, de Muchachito Bombo Infierno, Leilía, Tanxugueiras, Moraima, We are not DJ’S e anunciou a presenza de Sidecars como primicia por ser o seu primeiro festival en Galicia co seu novo disco. Aurora Varela detallou o resto de actividades da programación que se poden consultar e descargar na web do concello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta