A Fundación Amancio Ortega aterra en Madrid coa apertura dun gran centro sanitario infantil

Destina 30 millóns a primeiro centro integral de Coidados Paliativos Pediátricos de España que estará en Madrid.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 28/02/2023 | Actualizada ás 22:40

Comparte esta noticia

A Fundación Amancio Ortega (FAO)e a Fundación Porque Viven presentaron este martes o proxecto do primeiro Centro Integral de Coidados Paliativos Pediátricos de España. Este novo centro, cuxa construción será financiada pola Fundación Amancio Ortega cun orzamento de 30 millóns de euros e situarase no distrito de San Blas (Madrid). Un centro que inaugura en Madrid.

Máquina doada por Amancio Ortega ao HUCA. EUROPA PRESS - Arquivo
Máquina doada por Amancio Ortega ao HUCA. EUROPA PRESS - Arquivo

O centro estará xestionado pola Fundación Porque Viven, que traballa para desenvolver os coidados paliativos pediátricos complementando os servizos públicos de saúde, e cuxa experiencia para atender aos menores e ás súas familias serviu de base para deseñar o centro. Deste xeito, a instalación, única destas características en España como destacaron os seus impulsores, permitirá ofrecer unha atención integral e personalizada a nenos e adolescentes afectados por enfermidades complexas e crónicas que ameazan seriamente a súa vida.

O edificio --cuxo proxecto básico foi presentado administrativamente este 28 de febreiro ante o Concello de Madrid, que cedeu chan de propiedade municipal para a súa construción-- contará con 15.000 m2 de superficie con todos os espazos necesarios para cubrir o coidado personalizado dos menores.

E EN GALICIA?

Galicia segue sendo o centro dos investimentos sociais da fundación do fundador de Inditex. Nos últimos anos ten destinado máis de 120 millóns en proxectos sociais e sanitarios. Os últimos grandes anuncios de obras sanitarias financiadas pola Fundación Amancio Ortega en Galicia son de 2019. Aquel ano a FAO anunciaba a posta en marcha sete novos Centros Públicos de Atención Integral ás Persoas Maiores en colaboración coa Xunta. Unhas obras que, coa pandemia, se atrasaron e non se volveu saber dela ata setembro do pasado ano.

Amancio Ortega. EUROPA PRESS - Arquivo
Amancio Ortega. EUROPA PRESS - Arquivo

A fundación corre co financiamento de xeito íntegro a construción dos sete inmobles, así como o seu equipamento completo, cun investimento inicialmente estimado en 90 millóns de euros, converténdose no maior proxecto singular da historia da entidade. Tal é o montante económico que, na presentación do proxecto, o entón presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, salientaba que  “o mecenado desta institución permite descargar ás arcas públicas dun importante investimento, cuxa contía seguirá encadrada no ámbito social, pero poderá reorientarse a outros fins”.

Antes diso, en 2012,a Fundación Amancio Ortega e a Xunta de Galicia asinaron un acordo para a construción e o equipamento de oito escolas infantís, co obxectivo de integralas na rede pública de escolas infantís de Galicia. Cun orzamento xeral de 32 millóns de euros, as escolas infantís financiadas pola Fundación Amancio Ortega, todas elas xa en funcionamento, ofrecen en total máis de 650 prazas de nova creación para nenos de 0 a 3 anos nos municipios nos que están situadas: Ferrol, Melide, Cambre, A Coruña, Arteixo, Santiago de Compostela, Lugo e Ourense.

SANIDADE

Pero non só en materia social inviste a Fundación Amancio Ortega. En 2015 asinaba un acordo co Servizo de Galego de Saúde  de 17 millóns de euros para o investimento en tecnoloxía sanitaria. Un contrato que despertou os recelos de polo entón partido de Beiras e Yolanda Díaz, Alternativa Galega de Esquerdas (ACE).

 

As mesmas críticas volvían aparecer en 2021 cando esta fundación anunciaba nun convenio co Goberno de Pedro Sánchez que triplicaba o investimento social da súa fundación coa doazón á sanidade española de dez equipos de protonterapia, unha técnica pioneira, por un montante de 400 millóns de euros. Entón Podemos e oOs Verdes volveron denunciar o "doble" raseiro desta fundación.

 

Unhas denuncias que provocaron a indignación de dirixentes do PP e do PSOE. De feito, despois de que Os Verdes presentasen no Parlamento Europeo un informe que culpaba a Inditex de eludir uns 585 millóns de euros entre 2011 e 2014, Inditex respondía lembrando que a taxa fiscal do grupo no período 2011-2015 foi dunha media de 22-24% e dando outra serie de datos que tentaban desmontar  o dossier presentado no Parlamento Europeo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Por que a Fundación Amancio Ortega abre grandes centros sanitarios en Madrid ? Logo de ler o artigo seguimos sen saber os motivos destas inversións, e polo que respecta aos Verdes no Parlamento Europeo semella que faltan datos para avalar o asunto...?