A cheminea da central térmica de Meirama xa é historia

A principal medida de seguridade foi un perímetro de 250 metros

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 01/03/2023 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

A cheminea da que foi a central térmica de Meirama, en Cerceda, foi derrubada este mércores, tras máis de 40 anos de existencia, sen que se producise ningunha incidencia máis aló dun amplo rebumbio negro, que afectou a toda a contorna.

A operación produciuse en hora, arredor das dúas da tarde, e levou a cabo, segundo Naturgy, "coas máximas medidas de seguridade, o mínimo impacto ambiental e cun cumprimento rigoroso da normativa vixente".

A cheminea, de formigón armado, tiña un volume 50.868 metros cúbicos, un peso estimado de 8.983 toneladas e unha altura de 200 metros. Do mesmo xeito que coa torre de refrixeración e os silos, a demolición realizouse mediante voadura.

Para minimizar o pó que podía provocar o colapso da cheminea, e que aínda así afectou bastante á zona, dispúxose un sistema de cortinas de auga circundando a construción. Unha vez realizada a voadura, os fragmentos de formigón son recolleitos a nivel do chan.

Tras a demolición de cheminea, estímase que se recuperarán, mediante reciclaxe, unhas 105 toneladas de ferro e 8.000 toneladas de formigón. Por outra banda, a principal medida de seguridade foi a evacuación das persoas da zona delimitada por un perímetro de seguridade de 250 metros.

O proxecto de desmantelamento da central térmica foi presentado en xuño de 2019 ante o Ministerio de Transición Ecolóxica e optouse por unha demolición selectiva, "que permite rendibilizar no posible os materiais susceptibles de reciclaxe e xera un menor impacto ambiental que o que produce unha demolición convencional".

Voadura da cheminea da central térmica de Meirama, en Cerceda (A Coruña)
Voadura da cheminea da central térmica de Meirama, en Cerceda (A Coruña) | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta