Cae un muro dun centro educativo en Ourense sen rexistrarse feridos

Alumnos e persoal foron evacuados, e os bombeiros tamén axudaron a saír a unha veciña, pero en principio non hai feridos

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 01/03/2023 | Actualizada ás 19:15

Comparte esta noticia

Persoal do Colexio Cardeal Cisneros de Ourense deu a voz de alarma este mércores e mobilizou a Emerxencias do 112 tras comprobar como se estaba alagando o patio do centro, dado que desde fóra entraba unha cantidade de auga.

As primeiras hipóteses, aínda que os bombeiros seguen traballando no lugar, apuntan que puido ser a rotura dunha tubaxe a que provocou o embalsamento de auga no patio do centro, situado na Rúa de Emilia Pardo Bazán, aínda que houbo outros puntos afectados no interior e, debido á presión, derrubouse un dos muros do exterior.

Fontes do 112 consultadas por Europa Press explicaron que se derrubaron "uns 15 metros" dun muro que ten grandes dimensións. Tras a alerta, que se produciu á primeira hora da tarde deste mércores, mobilizáronse efectivos dos bombeiros, que continúan os seus labores no lugar, e tamén á Policía Local.

PERSOAL E ALUMNOS TIVERON QUE MARCHARSE, PERO NON HAI FERIDOS

As fontes consultadas por Europa Press ratificaron que non houbo feridos, aínda que tanto os alumnos como o persoal do centro tiveron que marcharse. A inundación provocou "certas dificultades", aínda que finalmente todos puideron irse "sen problemas".

Na zona producíronse importantes retencións de tráfico e, a raíz do derrube do muro, que delimitaba o patio do centro coa rúa e vivendas lindeiras, os bombeiros tamén tiveron que axudar esta tarde a unha veciña que tiña dificultades precisamente para abandonar o seu fogar.

POR ESCLARECER O OCORRIDO

Os bombeiros seguen cos labores pendentes de que se aclare por que se produciron os feitos. Segundo as fontes consultadas, na zona estaban a realizarse obras, pero está por determinar cal foi o detonante concreto da caída do muro.

Este derrube carrexa malos recordos na cidade, tras a caída en outubro do ano pasado doutro muro do vestiario dun centro situado no barrio de O Vinteún no que perdeu a vida un alumno e outro resultou ferido.

JÁCOME APUNTA Á XUNTA

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, manifestouse no seu perfil de Twitter por mor do ocorrido e apuntou á Xunta, quen lembrou, a consultas de Europa Press, o carácter privado do centro.

"Colapso no colexio Cardeal Cisneros de Ourense! GRAZAS A DEUS! ou á Providencia, está vez non houbo vítimas (a diferenza do 6°Instituto en 2022). Aínda que este é un colexio concertado, a neglixencia e responsabilidade da Xunta de Galicia, é absoluta", afirma Jácome.

O corpo de Bombeiro traballa tras o derrube dun muro no colexio Cardeal Cisneros en Ourense
O corpo de Bombeiro traballa tras o derrube dun muro no colexio Cardeal Cisneros en Ourense | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta