Expertos piden cambios na fusión de concellos en Galicia porque o modelo actual "non tivo o éxito esperado"

A Rede Localis presenta un informe no oque aposta por unha nova lei galega que dea máis autonomía política e financeira aos municipios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O IV informe elaborado pola Rede Localis, que engloba a expertos universitarios sobre financiamento e xestión municipal, aposta por outorgar ás administracións locais máis autonomía política e de disposición dos seus recursos económicos a través dunha nova lei. Tamén destaca o fracaso das fusións de concellos ao non conseguir os obxectivos previstos.

Trátase dun estudo titulado 'Gobernación multinivel: a normativa reguladora da administración local desde unha perspectiva autonómica', do que foron codirectores os profesores Concepción Campos Acuña (Universidade de Vigo) e Roberto Fernández Llera (Universidade de Oviedo) e no que María Cadaval Sampedro (Universidade de Santiago de Compostela) exerceu como coordinadora.

A profesora Concepción Campo indicou que os concellos e deputacións contan cunha autonomía "limitada" porque son as comunidades autónomas e o Estado os que se encargan de fixar o seu marco regulador. Por iso, este IV informe da Rede Localis publicouse coa intención de que sexa "un referente" para as corporacións locais que van tomar posesión en xuño tras as eleccións do 28 de maio. En total, España conta con máis de 8.000 municipios, dos que 313 están en Galicia. A estes habería que sumar as deputacións.

TRES BLOQUES

A profesora María Cadaval foi a encargada de detallar o contido do estudo, no que participaron varios investigadores universitarios e profesionais e que se divide en tres bloques. O primeiro deles é unha aproximación ao marco autonómico e ás competencias municipais para incidir na necesidade desa maior autonomía e transparencia. No segundo bloque, o informe fala sobre as transicións ecolóxicas pendentes e a innovación no ámbito local, campos nos que xoga un papel importante os fondos 'Next Generation' que chegan desde a Unión Europea e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030.

Neste sentido, Cadaval avoga por que a xestión das contías europeas estea "nun plano máis próximo á cidadanía". En concreto, o estudo menciona o caso de Portugal, onde xogan un papel importante unhas axencias municipais de promoción de investimentos.

O terceiro bloque do estudo céntrase na necesidade de contar cunha xestión sustentable e eficiente, especialmente coa implantación de novas tecnoloxías para a atención cidadá e a recadación de tributos.

Neste contexto, os autores apuntan cara a unha "reconfiguración das dificultades" das entidades locais a través de consorcios, mancomunidades e fusións de municipios, unha medida que --tal e recoñece o informe-- non tivo "o éxito esperado", posiblemente "polas importantes esixencias" destas agregacións "fronte a outras alternativas" asociativas.

Os profesores María Cadaval, Alberto Vaqueiro e Concepción Campos, da Rede Localis, na presentación do informe 'Gobernación multinivel: a normativa reguladora da administración local desde unha perspectiva autonómica'.. REDE LOCALIS
Os profesores María Cadaval, Alberto Vaqueiro e Concepción Campos, da Rede Localis, na presentación do informe 'Gobernación multinivel: a normativa reguladora da administración local desde unha perspectiva autonómica'.. REDE LOCALIS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 O Lois

Red? Queren "ordenar" un territorio e nin sequera saben a súa lingua? Mal empezan...