Carmela Silva pide silencio a Feijóo porque "non nos explicou nada sobre a súa relación cun narco"

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén afirmou que lle parece "gravísimo" e "intolerable" que "se estea tentando que xente que non está nin imputada, estea hoxe en fotos, porque iso fai un dano terrible".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2023 | Actualizada ás 16:06

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, saíu ao paso este venres das peticións de explicación que pide o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, polo 'caso mediador'. "O señor Feijóo que estea calado que aínda non nos explicou nada sobre a súa relación cun narco".

Ao ser preguntada en rolda de prensa esta suposta trama de mordidas e extorsións a empresarios do sector gandeiro e alimentario en Canarias, Carmela Silva dixo que sente "vergoña total". "Paréceme gravísima a corrupción", recalcou a presidenta, que insistiu en que "os partidos políticos, cando se produce, teñen que actuar coa dilixencia coa que actuou o Partido Socialista, dilixencia total".

Díxoo en referencia ao parlamentario socialista Juan Bernardo Fontes Curbelo, coñecido como 'Perico Berni' que, por mor da súa detención no marco desta investigación foi expulsado inmediatamente do PSOE, que tamén lle pediu a entrega da acta de deputado.

Carmela Silva tamén afirmou que lle parece "gravísimo" e "intolerable" que "se estea tentando que xente que non está nin imputada, nin investigada, xente que todos sabemos que é intachable, estea hoxe en fotos, porque iso fai un dano terrible". "Persoal, moral e mental", destacou.

Ademais, asegurou que "me dá medo escoitar ao Partido Popular" polas "barbaridades que está a dicir sobre o Partido Socialista". Neste sentido, engadiu que non escoita "dicir esas mesmas barbaridades sobre un ministro de Interior e un secretario de Estado conspirando co máis alto poder xudicial". "A corrupción é intolerable, fai un dano terrible á democracia e á credibilidade da política, pero de todas e de todos", dixo a tamén presidenta de Partido Socialista de Galicia.

PARTIDO CORRUPTO

Carmela Silva destacou que o Partido Popular é "o único partido que ten unha sentenza de partido corrupto" e dirixiuse ao presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, para reprocharlle que "hai que ter caradura, algúns que viaxaban pola ría con narcos".

"O actual presidente do Partido Popular, o señor Feijóo, viaxaba con narcos, que aínda non sabemos quen pagaba as viaxes que fixo por toda Europa cun narco, e que se atreva a dicir as barbaridades que está a dicir. Hai que ter pouca vergoña", reprobou a mandataria provincial. "Que toda a forza da lei caia sobre os que teñan responsabilidades", defendeu.

Por último, Carmela Silva afirmou que está "do Partido Popular ata os cumios, todo o día xerando este malestar social, este ruído", cando, segundo engadiu, "son o partido que máis dano lle fixo a este país". "Fíxollo á igualdade, o partido máis corrupto que houbo nunca, o partido que manipula aos medios de comunicación como fai aquí coa TVG, que pretenda dar unha lección de moral ou de ética a alguén... É insoportable aguantar todo isto, dá noxo", sentenciou.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa este venres. RAFA ESTEVEZ/DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA / Europa Press
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa este venres. RAFA ESTEVEZ/DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta