Activadas axudas da Deputación de Pontevedra polas inundacións e afea á Xunta que "abandone" aos concellos

"Están vostedes deixando de cumprir coas súas competencias e abandonando aos veciños das zonas afectadas", sinalou o deputado responsable de Economía e Facenda, Carlos Font.

Por E.P. | Pontevedra | 04/03/2023 | Actualizada ás 17:18

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra ratificou que sacará adiante un plan de axudas polas inundacións, á vez que afeou, nun comunicado, ao Goberno galego que "confirme" que "incumprirá as súas competencias e abandonará" aos concellos.

A este respecto, o deputado responsable de Economía e Facenda, Carlos Font, aludiu a unha carta que remitiría o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e que considera "intolerable" xa que, segundo remarca nun comunicado, "acredita que o Goberno galego, tres meses despois dos temporais, aínda non aprobou axudas para os municipios afectados".

Fronte á "inacción" da Xunta, a institución que dirixe Carmela Silva reivindica que, "sen ter competencias nesta materia", aprobou na xunta de goberno celebrada o venres unha convocatoria extraordinaria de subvencións coa que repartirá 2,7 millóns de euros entre os municipios afectados polas mesmas.

Font asina a resposta da Deputación a Rueda. Un texto que, segundo explica a institución provincial, lembra á Xunta as súas "obrigacións legais": "Están vostedes deixando de cumprir coas súas competencias e abandonando aos veciños das zonas afectadas".

Na mesma tamén se considera "sorprendente" e "inadmisible" que a Xunta "alegase que o seu vicepresidente segundo (Diego Calvo) estaría disposto a desprazarse á zona afectada polos temporais se vai acompañado do delegado do Goberno e da presidenta da Deputación".

"NON TEMOS CONSTANCIA DE CONVOCATORIA ALGUNHA"

"Queren vostedes dicir que o vicepresidente segundo aínda non visitou o territorio? Parécelles aceptable ese abandono de funcións?", pregunta Font, quen considera "o máis sorprendente" que "a Xunta afirmase que non é necesario activar a declaración de emerxencia de interese galego para activar xuridicamente" axudas autonómicas.

"A día de hoxe non temos constancia de convocatoria algunha realizada pola Administración autonómica. Por tanto, se xa poden facelo sen unha declaración previa de emerxencia, quixese que aclarasen a razón pola que non o fixeron", engade a carta de resposta.

O deputado de Réxime Interior e Facenda da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font
O deputado de Réxime Interior e Facenda da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font | Fonte: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta