Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/01/2015 | Actualizada ás 14:00
Medio milleiro de días. Iso será o que dure a folga indefinida que mantiñan os bombeiros de xestión indirecta que atenden á case totalidade dos concellos galegos. Unha folga que, remata, sen embargo, sen acadar as reivindicacións deste colectivo.
A Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia ben de notificar ao Consello Galego de Relacións Laborais, que o vindeiro luns día 19 de xaneiro, darase por finalizada unha folga que no seu día se plantexou, co fin de acadar unha serie de reivindicacións, das cales a día de hoxe non se acadou ningunha.
Entre estas reivindicacións están a homoxeneización das condicións laborais dos profesionais do sector, a estabilidade laboral e unha mellor coordinación dos equipos de emerxencias para evitar erros organizativos como os vividos no accidente ferroviario de Angrois.
Segundo informa a Mesa sindical, o motivo da retirada de dita folga é debido a que o día 20 terá lugar unha xuntanza na que se vai a constituír, despois de anos de demanda, una Mesa de Negociación de xeito formal, entre as empresas concesionarias dos servizos públicos de bombeiros e forzas sindicais. O obxectivo é elaborar un convenio de sector que “dará cabida ás demandas que dita ferramenta de presión sindical viña facendo”.
“Non podemos presentarnos a unha xuntanza na que se vai a tratar unha negociación tan importante e que tantos anos vimos demandando con cartas de presión enriba da mesa. Moito de aquelo polo que levamos anos loitando está en xogo, por iso queremos facer ver a clara intención que temos de sacar isto adiante”, apunta José Luis Pareja, representante do SIBGAL (Sindicato Independente de Bombeiros de Galicia).
Así, lembra que a estabilidade laboral e as equiparacións de condicións laborais “son cousas que xa a propia lei esixe”. “Pero o sector político do goberno no que recae dita obriga, négase a atendelas. Confiamos en que a negociación entre as empresas concesionarias e a parte social, acade o que a Xunta parece evitar”, engade.
A parte sindical di que “agarda con optimismo” que os avances na negociación se produzan canto antes, e que non se dean novas situacións “que dilaten o diálogo, que xa levan anos agardando”.
Por outra banda, os traballadores de Natutecnia (Bombeiros das Comarcas de Cee, As Pontes, Santa Comba, Sarria, Chantada e Monforte de Lemos), ollan con recelo esta desconvocatoria de folga, xa que temen que os incumprimentos que ven facendo a súa empresa concesionaria se acrecenten unha vez a folga perda a súa valía.
Dende a sinatura do convenio que finalizaba, aparentemente, co conflicto existente durante os anos 2013 e 2014 entre empresa e bombeiros de Natutecnia, veñen repetíndose múltiples incidentes laborais. “E neles os dereitos dos traballadores quedan en entredito pola actitude da concesionaria, polo que moitas das proteccións que lles blindaba o feito de atoparse en folga a ditos empregados, quedan sen efecto”, engade o comunicado. Agora, o que agardan é que os tribunais e a inspección laboral, vaian dando saída ás múltiples denuncias presentadas pola parte traballadora.
A decisión de crear esta Mesa de Negociacións coincide no tempo coa creación da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia que ten por finalidade a "dignificación" dos bombeiros que traballan en parques públicos e privados do país.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.