Verín fai balance do entroido e xa pensa no seguinte

Este 2023 viviuse sen restricións sanitarias e cun gran ambiente, mais aínda non se recuperou o nivel de participación de comparsas e cigarróns pre-covid. Falamos con Emilia Somoza, concelleira de Cultura e Festexos.

Por Galicia Confidencial | Verín | 06/03/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Aló vai o Entroido 2023 e vilas como Verín fan balance pensando xa no vindeiro ano. A celebración deste ano presentábase libre de restricións sanitarias e había moitas ganas de volver a esta situación co cal o ambiente nas rúas e nos desfiles “foi moi abundante en todas as xornadas do entroido”, refire Emilia Somoza, concelleira de Cultura e Festexos.

Cigarrón en Verín. Foto: GC
Cigarrón en Verín. Foto: GC

Aínda así, e quizais porque hai que darlle marxe á volta á normalidade, a participación en comparsas e presenza de cigarróns deste ano non recuperou os mellores momentos de celebracións anteriores á pandemia.

A celebración do Domingo de Piñata, o pasado 26 de febreiro, puxo o broche final ao Entroido de Verín. Tras o tradicional xantar popular, co cal o Concello de Verín quixo agasallar aos participantes no desfile, concedéronse os galardóns “Cigarrón de Honra” --David García Santamarina-- e “Pescadilla” -- Montse Garrido Lamas--  que foron entregados por Gerardo Seoane, alcalde de Verín, e Luisina (viúva do “Pescadilla”).

Falamos con Emilia Somoza.

Primeiro entroido en condicións normais tras a pandemia. Reforzouse a programación para a ocasión?

Desfile de Domingo de Entroido 2023 en Verín
Desfile de Domingo de Entroido 2023 en Verín | Fonte: GC

Fíxose un gran esforzo para contratación de música para a rúa con Charangas, Orquestras, un grupo de música tradicional, unha fanfarria motorizada a modo de pasarrúas e discomóbiles.

Recuperouse o número de comparsas participantes respecto aos mellores tempos? Aumentou a participación de Cigarróns?

Non se recuperaron comparsas, carrozas e cigarróns, e nalgún caso quedouse na metade.

"A afluencia de público foi moi abundante en tódalas xornadas do entroido"

Tedes información do retorno económico, algunhas primeiras valoracións do sector hostaleiro e comercial?

Eu non conto con esa información, pero a afluencia de público foi moi abundante en tódalas xornadas do entroido.

Cónstavos que houbese algunha incidencia neste Entroido 2023?

Algunha por parte do público que os Cigarróns tomaron como falta de respecto ao non coñecer o comportamento debido, pero valoración totalmente positiva.

"A fariña sempre formou parte do entroido de Verín, por parte da organización nunca se prohibiu nin o contrario"

No desfile do domingo de Entroido unha das comparsas tirou bastante fariña e presenciamos como algunha xente renegaba e se molestou. Hai que lembrarlle ao público que vén gozar do espectáculo visual que poden pasar estas cousas aínda que non sexa o habitual?

A fariña sempre formou parte do entroido de Verín, por parte da organización nunca se prohibiu nin o contrario, os mesmos entroideiros toman a decisión de botala ou non.

Concello de Verín coas máscaras dos Cigarróns. Foto: XMF
Concello de Verín coas máscaras dos Cigarróns. Foto: XMF
Debuxo sobre coche enfariñado tras o desfile de Domingo de Entroido 2023. Foto: XMF
Debuxo sobre coche enfariñado tras o desfile de Domingo de Entroido 2023. Foto: XMF
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta