Nove de cada dez enfermeiras galegas denuncian estereotipos sexistas e retrógrados

Un 68% sufriu en primeira persoa ou coñece a algunha compañeira que foi vítima de comentarios e comportamentos ofensivos

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 06/03/2023 | Actualizada ás 18:42

Comparte esta noticia

Nove de cada dez enfermeiras de Galicia denuncian estereotipos sexistas e retrógrados vinculados coa súa profesión, segundo unha enquisa realizada polo Sindicato de Enfermaría Satse no marco da celebración do Día Internacional da Muller.

Desta maneira, consideran que se manteñen numerosos estereotipos sexistas e retrógrados que provocan comentarios, actitudes e comportamentos ofensivos e denigrantes que lles prexudican a nivel persoal e profesional.

"O feito de que as enfermeiras e enfermeiros sigan denunciando esta inaceptable realidade denota que o paso dos anos non levou unha mellora da situación, o que demostra que estamos a fallar como sociedade á hora de recoñecer e tratar como deberiamos a todo un colectivo profesional polo mero feito de estar conformado de maneira maioritaria por mulleres", lamentaron desde a organización sindical nun comunicado.

No test, máis do 85% das consultadas asegura que o estereotipo máis presente é que as persoas crean que a enfermaría é unha profesión "dependente" doutro colectivo sanitario. En segundo lugar, é ser unha profesión "vocacional e sen corpo de coñecementos propios", con máis do 50% dos preguntados.

Ademais, un 44,2% considera que outra "imaxe irreal" da enfermaría é que se trata dunha profesión sexualizada, entre outras. A nova sondaxe de opinión, ofrece outros datos, como que o 67,5% das enfermeiras e o 54,17% dos enfermeiros de Galicia sufriron en primeira persoa ou coñecen a algún compañeiro que foi vítima de comentarios e/ou comportamentos ofensivos e denigrantes baseados na imaxe estereotipada e sexista da profesión.

XUBILACIÓN ANTICIPADA

Noutra orde de cousas, Satse organizou este luns unha xornada profesional no Hospital de Verín (Ourense) para abordar o tema da xubilación anticipada de profesionais sanitarios e o problema de non poder as enfermeiras e fisioterapeutas pertencer ao Grupo A, cando son titulados universitarios de Grao, do mesmo xeito que outros compañeiros do sistema sanitario que si teñen esta clasificación profesional.

Para Satse, trátase dunha situación "inxusta e discriminatoria" que imposibilita que as enfermeiras e fisioterapeutas poidan acceder a determinados postos relacionados coa xestión e a dirección de alto nivel nin a grupos de investigación e docencia.

Unha enfermeira atende a unha paciente na UCI
Unha enfermeira atende a unha paciente na UCI | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta