A convivencia cos parques eólicos en Galicia, unha cuestión de tempo

Os proxectos eólicos programados en chan galego están creando un profundo debate sobre todo nas áreas onde se queren instalar. Se ben hai un par de décadas non suscitaran grandes polémicas entre a poboación, sobre todo no rural, agora parece existir un posicionamento que cuestiona, cando menos, a súa instalación en áreas consideradas sensibles.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 11/03/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O proceso de descarbonización dentro da UE está recibindo unha forte aceleración entre os socios da Unión. Isto espertou a mobilización das empresas eólicas para a aprobación dos seus parques antes da finalización dos prazos que puxera o Estado. O 25 de xaneiro deste 2023 apareceran as DIA da maior parte deles, en tres meses coñeceranse os proxectos aprobados. Mentres, hai parques programados que levantan polémica alí onde se queren instalar e hai áreas onde xa existen parques onde a convivencia entre parques e comunidades de veciños non parece ter sobresaltos.

Cabalos e eólicos Vimianzo
Cabalos e eólicos Vimianzo

INSTALACIÓN

Un parque proxectado é o que se instalará entre os concellos de Lugo e Guntín. Neste último municipio o presidente da Comunidade de Montes de San Martín de Monte de Meda, Jesús Villar, sinala: “de momento non se construiu ningún parque, si que estivo instalada unha torre de medición do vento”. Dita torre ocupou un espazo na comunidade que lles deixou un aluguer de 4.300€ por ano.

A alcaldesa de Guntín, María José Gómez, apunta sobre a instalación do parque no seu municipio: “a maioría dos muíños estarán na parte de Lugo, nós teremos tres aeroxeradores”. “Non podo valorar polo de agora se será positivo ou negativo que estean aquí, si sei da necesidade de promover as enerxías limpas”.

Ramiro Rilo, da empresa CRC, dedicada á instalación de muíños eólicos apunta que “sempre houbo entendemento entre os traballadores e a veciñanza, nese sentido non temos malas experiencias”. O proceso que describe Rilo para a instalación é “de falar primeiro cos veciños, avaliar o impacto medioambiental, patrimonial e arqueolóxico, dentro do posible, buscamos sermos respectuosos”.

No Comunidade de Montes de Boimente, onde se celebra a Rapa das Bestas de Candaoso (Viveiro), o presidente Antonio Cuíña remarca que “a convivencia entre os cabalos e vacas do monte e os eólicos é boa, mesmo os cabalos en época de calor se achegan aos pés dos muíños, supoño que para estar máis frescos”.

O alcalde da Pastoriza (Lugo), Primitivo Iglesias, pola súa parte lembra que “cando se instalaron os primeiros aeroxeradores a convivencia con eles foi razonablemente boa”. Iglesias deixa claro que “non me considero totalmente contrario aos eólicos mais considero que as instalacións deben facerse con sentido, porque non só son os parques, senón que tamén están as liñas de conexión que atravesan o concello”.

REPERCUSIÓNS

A creación de parques leva parella a creación de emprego nas zonas de instalación? “Nas instalacións que imos facer no Picato (Guntín) procuramos que empresas da zona nos traian o cemento, a ferralla, ademais de contratar ao mellor a 10 ou 15 persoas” sinala Ramiro Rilo. “Á parte diso, hai persoal que debido ás distancias, non pode ir e vir todos os días á súa casa, por tanto teñen que facer vida nos lugares onde se está facendo a instalación”. Isto de maneira directa, repercute na economía local, sobre todo en servizos e hostalaría.

Creo que as empresas deberan falar máis coa comunidade, coas persoas” di Marcos Bugallo. “Si direi que coa chegada dos eólicos puideron abrirse pistas e agora temos máis xente achegándose aquí as fins de semana, tamén puidemos abrir dous parques, un para nenos e outro para maiores e un centro social no lugar”. Aínda así, cre necesario unha maior repercusión da explotación eólica sobre a veciñanza.

A empresa creará e ampliará pistas nos montes ademais de reparar as que estean en mal estado, tamén instalará placas solares para xeración eléctrica nos núcleos de poboación” sinala Jesús Villar, de Guntín. “O aluguer pola instalación da torre de medición permitiu que puidesemos reparar a igrexa local que estaba en mal estado", co tempo esperan que o reinvestimento no monte co diñeiro dos contratos eólicos permita a mellora da súa explotación.

Aquí puidemos reparar o curro para a rapa das bestas de Candaoso e tamén se abriron pistas que permitirían ás motobombas chegar antes aos lumes para apagalos” di Antonio Cuíña. “O gando pode pacer por debaixo, mesmo cando se instalaron os muíños recubriron as súas bases coa mesma terra vexetal do lugar”. Neste caso, a simbiose entre comunidade gandeira e explotación eólica parece funcionar.

En 2013 varios alcaldes asinaran un documento onde manifestaban o seu apoio ao desenvolvemento eólico en todo o Estado. Algúns dos alcaldes galegos que asinaron o manifesto xa non ocupan as respectivas alcaldías, salvo os de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro e o da Pastoriza, Primitivo Iglesias. En tal caso, de momento hai que esperar a resolución definitiva sobre a aprobación dos parques que presentaron a documentación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Moine

E por que nom a convivência dos parques eólicos na Serra do Guadarrama? Por que sempre Galiza tem que ser a fornecedora de recursos para Madrid, e o poder político assentado em Madrid só tem para Nós a EMIGRAÇOM. Tratam-nos como servos, e ainda há sipaios que nos tentam convencer de estar a bem com quem nos submete.

1 Non son de Muras

So no concello de Muras, 381 muiños. Na comunidad de Madrid 0 muiños.