'Sonemerxente', o proxecto que busca impulsar a carreira de 12 artistas e grupos galegos

Porá á súa disposición as ferramentas necesarias para que logren un "salto cualitativo" nas súas carreiras, e para acceder ao mercado musical e ao financiamento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2023 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

A nova aceleradora de proxectos musicais 'Sonemerxente' inicia o seu traballo con 12 grupos e artistas seleccionados nesta iniciativa impulsada pola Xunta, baixo a xestión da Fundación Paideia, co fin de impulsar as súas carreiras. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e responsables da Fundación recibiron aos artistas este mércores na Cidade da Cultura.

O conselleiro felicitoulles pola súa participación neste proxecto, que conta cunha dotación de 240.000 euros (fondos europeos) e que porá á súa disposición as ferramentas necesarias para que logren un "salto cualitativo" nas súas carreiras, e para acceder ao mercado musical e ao financiamento.

Os grupos e artistas seleccionados, destacou Román Rodríguez, reflicten "o gran potencial da música emerxente galega" e a aceleradora contribuirá á vertebración sectorial, acalerando a profesionalización e o crecemento do tecido empresarial da industrial musical galega.

A iniciativa enmárcase nas accións do Plan Xeración Cultura, a folla de ruta da Xunta para "acompañar e reforzar con novas iniciativas o gran momento de creación e expansión do sector cultural galego". Precisamente, un do seu cinco eixos de actuación pon o foco en medidas que impulsen a creatividade e novos talentos.

Ademais do conselleiro, participaron no encontro o director da Agadic, Jacobo Sutil; Guillermo Vergara, vicepresidente da Fundación Paideia; Patricia Hermida, presidenta da Asociación galega de Empresas Musicais (AGEM), e Pilar Portela, coordinadora do Departamento de Música e Danza da Axencia de Industrias Culturais, así como os responsables da maior parte dos proxectos seleccionados: Adrian Timms, Anahí, Babykatze, Helena Egea, Hydn, Law, Lora, Moito!, Mondra, Paraíso Canto, Samudra Trio e Zeltia Irevire. A selección de proxectos fíxose por parte dunha comisión, a partir de 60 propostas recibidas, e reflicte "o dinamismo e potencial feminino" na escena musical galega.

A artista galega hydn
A artista galega hydn | Fonte: Nuria Rey (@moekko_x)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta