A Xunta ratifica a creación este 2023 dun xulgado específico de violencia machista en Santiago

Ademais do partido xudicial de Santiago, proporase que dea cobertura tamén aos de Ribeira, Padrón e Negreira.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2023 | Actualizada ás 19:33

Comparte esta noticia

O Goberno galego ratificou, na súa reunión semanal, a proposta de que na próxima reunión da Comisión Mixta co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) se solicite ao Ministerio de Xustiza a posta en marcha dun xulgado de violencia sobre a muller exclusivo e excluínte de carácter comarcal no partido xudicial de Santiago de Compostela, que se some aos que xa están en funcionamento nas cidades da Coruña e Vigo.

Esta solicitude ao Goberno central inclúe a posterior extensión, no prazo máximo de dous anos, deste tipo de xulgados ao resto das grandes cidades galegas nas que non están implantados, isto é, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Na próxima reunión da Comisión Mixta de Xustiza na que se debaterá a relación de órganos xudiciais de nova creación para este 2023, a Xunta solicitará priorizar a creación dun xulgado de violencia sobre a muller na cidade compostelá que será de carácter comarcal. Deste xeito, ademais do partido xudicial de Santiago, proporase que dea cobertura tamén aos de Ribeira, Padrón e Negreira.

Con esta petición, a Xunta reivindicou que pretende reforzar a protección das mulleres no ámbito da xustiza, xa que desta forma as vítimas están asesoradas e acompañadas en todo o proceso polo persoal dos equipos psicosociais das oficinas de atención á vítima.

Por exemplo, no que respecta ao xulgado exclusivo que se vai a solicitar ao Ministerio de Xustiza para Santiago de Compostela encargaríanse da atención ás vítimas os profesionais da OAV da cidade, onde se concentrará toda a tramitación evitando a peregrinación das vítimas polos xulgados.

FINANCIAMENTO

A preguntas dos medios en relación a se habería dotación orzamentaria, o presidente galego, Alfonso Rueda, replicou que a previsión da Xunta é que se ofreza a Galicia tres unidades xudiciais e que hai asignación orzamentaria para polas en marcha.

"O que dixemos é que, como mínimo, este ano a máis urxente é un xulgado específico de violencia sobre a muller para Santiago e, se se nos ofrece, antes de que acabe o ano estará a funcionar", resolveu.

Rueda comparece ante os medios tras o Consello.. Xunta de Galicia
Rueda comparece ante os medios tras o Consello.. Xunta de Galicia

Noutra orde de asuntos, a Xunta destinará este ano 744.000 euros para a loita contra a leucemia e para garantir que os pacientes galegos que necesiten un transplante de medula ósea e non teñan un familiar compatible, poidan localizar un doante, buscando primeiro no noso país, ou acudindo ao resto de rexistros mundiais se fose necesario. A Fundación Josep Carreras é o rexistro que está autorizado en España para tal fin.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta