O plan 'Xeración Cultura', unha "folla de ruta" para a Xunta e un intento de "distracción" para a oposición

Critican o "número de leis sen desenvolver" no ámbito do libro e do museo

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 10/03/2023 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou en comisión parlamentaria o novo plan 'Xeración Cultura', que ve unha "folla de ruta clara" en canto á actuación da Xunta neste ámbito.

Pola súa banda, a oposición viuno como un intento "de distracción á desesperada unha vez que non existe o colchón do santo Xacobeo", en palabras do BNG e un documento que ve a luz cando o Goberno galego "ten moitísimas leis sen desenvolver", segundo advertiu o PSdeG.

Na súa intervención, o alto cargo lembrou os datos trasladados pola Xunta a finais de xaneiro, tras o paso do plan polo Consello. Así, reivindica o investimento de 34 millóns de euros en 57 accións que inclúen o desenvolvemento de dúas novas leis no ámbito da dixitalización e accesibilidade.

Ademais, destacou algunhas medidas xa en marcha como aceleradora musical 'Sonemerxente' para impulsar a carreira de 12 novos talentos ou 'A Furgotecta', que xa leva os servizos bibliotecarios móbiles a 20 concellos do rural.

OPOSICIÓN

Na súa quenda, a socialista Noa Díaz apuntou ás dúas novas leis "inminentes" que "inclúen" neste plan, "cando teñen moitísimas leis sen desenvolver", en relación ao libro e ao museo, entre outras. "Por favor, comecemos polas que teñen pendentes e despois poderemos falar das novas", pediu.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nunha comisión do Parlamento galego
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nunha comisión do Parlamento galego | Fonte: XUNTA

Despois, a deputada do BNG Mercedes Queixas interrogou ao director xeral "onde está a voz do sector cultural galego" neste plan.

RÉPLICA E PECHE

Xa durante a réplica e no peche da súa comparecencia, Anxo Lorenzo defendeu estar en contacto "permanente" co sector e ter en conta "todo o que hai que ter en conta" para elaborar este documento.

Aplaudiu "que xa non se cuestione a saúde e a vitalidade da cultura galega" por parte da oposición e reivindicou ter "un plan, o máis axustado posible a esa realidade de cambio dos sectores culturais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta