Por Europa Press / Redacción | Ourense | 11/03/2023 | Actualizada ás 10:50
O tráfico na A-52 que este venres quedou cortado polo accidente dun camión, que saltou a mediana e quedou atravesado sentido O Porriño, quedou restablecido na madrugada deste sábado.
O vehículo pesado, que transportaba produtos cárnicos e viaxaba sentido Benavente, saíuse da vía sobre as 18,45 horas deste venres e atravesou a mediana, polo que obrigou a cortar o tráfico en dirección Vigo sobre o quilómetro 221, en Rante, San Cibrao das Viñas (Ourense).
Unha vez finalizadas as tarefas de limpeza da vía por parte dos servizos de emerxencias, a Garda Civil de Tráfico comunicou que a circulación quedara restablecida dez minutos antes das 2 horas desta madrugada, segundo informou o 112-Galicia.
O condutor implicado, único ferido, foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense nun helicóptero sanitario, que se desprazou ata o lugar xunto con outros medios sanitarios terrestres.
No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros do Polígono de San Cibrao das Viñas, o GES do Pereiro de Aguiar, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.