Xunta e Concello de Lalín asinan o convenio para rehabilitar a Casa de don Álvaro

Construído en 1913, o inmoble é unha singular mostra das vivendas burguesas de principios do século XX

Por E.P. | Lalín | 11/03/2023 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o alcalde de Lalín, José Crespo, asinaron na mañá deste sábado un convenio de colaboración para acometer as actuacións de conservación na Casa de don Álvaro.

Con este acordo, avanzarase no proceso de recuperación deste inmoble lalinense, co obxectivo de dotalo de novos usus culturais, sociais e turísticos. O titular do departamento de Cultura lembrou que os orzamentos autonómicos deste ano xa inclúen unha partida de 300.000 euros para esta actuación, a terceira parte dos 900.000 para recuperar este espazo.

CRONOGRAMA DE ACTUACIÓNS

O acordo asinado regula a colaboración entre a Xunta e o Concello para a posta a disposición dos terreos e o inmoble, por parte do goberno municipal, e para regular as actuacións de conservación, a cargo da Consellería de Cultura.

Entre as actuacións previstas, os técnicos propoñen realizar un estudo previo do estado do edificio e do xardín, así como avaliar os novos usos públicos en coherencia cos seus valores arquitectónicos e artísticos.

EDIFICIO SINGULAR

A Casa de Don Álvaro é un dos inmobles máis significativos do municipio de Lalín. Construído en 1913, trátase dun inmoble de estilo modernista, unha singular mostra das vivendas burguesas de principios de século XX.

O seu interese está reforzado polo seu emprazamento no centro neurálxico, comercial e simbólico do conxunto urbano de Lalín. Non en balde, desde a súa construción, acolleu na parte do baixo establecementos emblemáticos para o municipio como unha chocolataría, unha ferraxaría ou, máis recentemente, a sede do Banco Pastor.

O inmoble mantén intacta gran parte dos aspectos que caracterizan a súa autenticidade e integridade, sobre todo nos espazos de vivenda na planta baixa e en toda a planta alta. Destacan o portal, vestíbulo, escaleira e salóns principais, especialmente o comedor nobre que mantén o seu mobiliario de época e, na planta alta, o espazo do salón-galería aberto ao xardín privado e ao dormitorio principal.

Os dormitorios responden a unha planta típica de casa burguesa con alcobas e unha riqueza espacial singular. Tamén son destacables, polo seu interese, as carpintarías de madeira das portas de paso interiores e carpintarías das fachadas, especialmente, as galerías presentes en tres das súas fachadas. O xardín tamén é de interese, ao conservar a súa traza e as especies arbóreas e botánicas que o configuran.

Xunta e Concello de Lalín asinan o convenio para rehabilitar a Casa de don Álvaro
Xunta e Concello de Lalín asinan o convenio para rehabilitar a Casa de don Álvaro | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta